Gómez Reino: “A Galicia do Nunca Máis ten que activarse este domingo”

O candidato á presidencia da Xunta, Antón Gómez Reino, achegouse esta mañá a Ourense co cabeza de lista pola provincia, David Bruzos, e o deputado no Congreso, Juantxo López de Uralde, para dar conta dalgunhas das problemáticas que afectan á provincia de Ourense

Antón Gómez Reino enviou unha primeira mensaxe referida ao acontecido estes días na Mariña “cunha ocultación de datos e unha irresponsabilidade manifesta do señor Feijóo, que nos lembra a pérfida xestión que fixo o PP en crises pasadas como a do Prestige”. Nese sentido, o candidato chamou a que “a Galicia do Nunca Máis se mobilice para acabar con estes anos de ocultación e de corrupción dun Feijóo que é un problema para a saúde democrática do país”.

Preguntado pola resolución da JEC que desestima o recurso presentado por Galicia en Común en relación á celebración dos comicios na Mariña, Gómez Reino reiterou que a “Junta Electoral Central se exime da súa responsabilidade cando estamos vendo que os datos de contaxio da Mariña son moi superiores a cando se decretou o Estado de Alarma no mes de marzo” e anunciou que “iremos ata as últimas consecuencias co noso recurso porque é prioritario que se “garantan os dereitos democráticos e o dereito á saúde na Mariña”.

O deputado no Congreso, Juantxo López de Uralde, quixo acompañar a Galicia en Común na fase final da campaña para poñer o foco na cuestión medioambiental “e o papel do ecoloxismo no programa desta formación”.

Para López de Uralde “Galicia necesita un goberno galego que poña no foco as políticas de defensa do medio ambiente e de loita contra o cambio climático”. O deputado mencionou os tres problemas que máis afectan a Ourense e que teñen que ver coa ausencia de preocupación nas cuestións medioambientais.

“Hai que subliñar”, asegurou, “que nesta provincia dase o proceso de maior perda de poboación no rural de todo o Estado influindo, xunto a falta de  medios e de previsión da Xunta de Galicia, nos incendios forestais”.

Pola súa banda David Bruzos puxo o foco no paso cara atrás que supuxo para Ourense “11 anos de goberno de Feijóo, 40 anos de goberno do clan dos Baltar e o último ano de goberno municipal de Jácome apoiado polo propio Partido Popular”.

Para o número 1 pola provincia isto resulta “fundamental para entender como esta provincia segue sen poder despegar, tanto a nivel de emprego como de economía, a pesar da riqueza da provincia” e engadiu que Ourense “xogará un papel fundamental no cambio político no país”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.