Investigadores do CITIC da UDC avanzan nos seus resultados para a diagnose de COVID-19 en radiografías

Os investigadores Marcos Ortega e Jorge Novo presentaron os seus avances para o diagnóstico de COVID-19 ao Servizo de Radioloxía do CHUAC. Os desenvolvementos realizados permiten obter resultados moi fiables incluso en imaxes de baixa calidade en radiografías portátiles, utilizadas habitualmente en servizos de urxencias e en UCI

Os investigadores do Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC Marcos Ortega e Jorge Novo presentaron recentemente ao Servizo de Radioloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) os seus avances acadados en materia de sistemas automáticos de apoio ao diagnóstico de COVID-19 baseados en imaxe radiolóxica mediante o uso de técnicas de intelixencia artificial como a aprendizaxe profunda.

Esta ferramenta é capaz de distinguir entre individuos sen sintomatoloxía, pacientes con sintomatoloxía compatible con pneumonía ou outras afectacións pulmonares e aqueles cuxa sintomatoloxía específica é compatible con COVID-19.

Os desenvolvementos realizados permiten obter resultados moi fiables mesmo en imaxes de baixa calidade provenientes de dispositivos de radiografía portátiles, o que aumenta a utilidade do sistema ao ser ideal para utilizar en servizos de urxencia, cribados ou ata en UCI, escenarios onde a mobilidade reducida e a necesidade de inmediatez na toma de decisións son aspectos clave no diagnóstico e seguimento do paciente.

Na reunión aproveitouse ademais para avanzar nas vías de colaboración establecidas entre os investigadores do CITIC e do CHUAC. Así mesmo, comezouse xa coa planificación da implantación da solución de apoio ao diagnóstico nos sistemas do hospital de cara a mellorar a capacidade de resposta e seguimento ante posibles situacións de urxencia en relación coa crise do COVID-19.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.