Lendoiro. Por @DulceCorcu

Hai figuras que xa son irrepetibles, inesquecibles, pero que rexurden con máis forza se cabe en tempos precarios, neses intres onde poñerse ao fronte de determinadas situacións non é algo que domine, por máis que o tente, calquera. O escenario mediático é un campo de batalla no que sobrevivir require tablas, intelixencia e tamén amor desmedido pola causa. Augusto César Lendoiro xunta todo iso nunha personalidade que aínda hoxe, tan alonxado da primeira liña do fútbol, segue sendo a cara máis recoñecida do Deportivo da Coruña dentro e fóra do noso territorio.

Acostumado á gloria  pero tamén aos descensos a escuros e profundos sotos, o ex presidente deportivista víu gañar títulos antes só soñados, ou quizais nin iso, pero conquistados finalmente nunha época que parece irrepetible. A outra cara da moeda non lle foi tampouco allea, coma aquel penalti do que ninguén queremos lembrarnos. Despois, o baldordo e a confusión, o desleixo daqueles que tanto bicaron a terra prometida, convertidos en armas de destrución masiva a golpe de encendidos titulares. Fume disipado en arquivos de causas perdidas. Nomeado embaixador da Liga española (LFP), soubo manter a dignidade por enriba do cargo, e naquela infausta xornada dun asasinato que aínda hoxe se mantén impune, Javier Tebas despoxóuno dese título que el non solicitara. Non aturou que Lendoiro fose por libre, que non puidese evitar a súa presenza no soterramento do afeccionado coruñés asasinado en Madrid.
O que non sabe Tebas -probablemente porque non a desfruta-, é que a dignidade non se vende nin recibe ordes. Queda para os anais da ignominia o trato dado aos Riazor Blues na propia casa e, sobre todo, á familia de Jimmy, tratados como apestados e postos á mesma altura que os asasinos, co beneplácito dun Consello de Administración que se transformou para devorar aos seus propios fillos. É a política Tebas, a que agora voltou por onde solía, ordeando ao Fuenlabrada viaxar á Coruña con positivos de Covid_19 diagnosticados en Madrid e os viaxeiros cos resultados das probas pendentes, con todo o que iso conlevou e xa coñecemos. Lendoiro, nestas circunstancias, de novo non ficou quedo, e foi dos primeiros en erguer a voz e dar a cara. Outra vez e todas as que fagan falla, setenta e cinco anos de latexante corazón deportivista sen máis dono que as cores branquiazuis. Lendoiro é e será sempre o Deportivo da Coruña, un presidente que nunca tivo substituto, por moitos que leven ocupado o posto. Historia e memoria, nada máis que iso.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.