Língua proletaria do meu pobo – Por Dulce Corcu

Eu fáloa porque si, aínda que sexa malamente, como amosaron os e as nosas líderes políticas no debate do pasado luns na CRTVG. Sen ser, desgrazadamente, o país que máis coide e valore a súa língua, o baixo que debía ser o nivel dos participantes para que esa fose a mensaxe final extraída de todo o debate: a incapacidade de ningún dos sete -uns máís e outras menos- para falar a língua propia con soltura e rigor. Agás, iso si, do candidato de VOX, Ricardo Morado, que só empregou o castelán.

Non é algo illado, senón completamente habitual que cargos de altas responsabilidades onde debera cundir o exemplo, fagan un auténtico estropicio á língua. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, é posiblemente o primeiro desa lista, nulo sempre para fiar oracións con verbo pronominal. Sen contar as veces que acaba, simplemente, falando castelán sen decatarse. É tal o complexo de inferioridade que mantén coa língua galega, que no debate que nos ocupa e para dirixirse ao candidato da ultradeira, facíao exclusivamente en castelán, nun alarde de paletismo que abraia. O señor Morado non se expresaba en galego porque non lle daba a gaña, pero iso non implica que non o entenda e que haxa necesidade de seguirlle o xogo dese desleixo, pero Feijóo acabou por facelo. Unha mostra máis de por que a nosa língua está tan maltratada, minusvalorada polos propios galegos e galegas que ven nela un obstáculo porque así adoitan ensinalo dende ben cativos nas escolas, onde as estadísticas obteñen números brutais de desapego e, moitas veces, de puro descoñecemento. Á fin, un debate tan prometedor, tan importante para os anos que nos veñen enriba, e do cal as reflexións maioritarias non recaían sobre as propostas ou o pertinente repaso ao goberno da Xunta, senón sobre a necesidade, unha vez máis, de tomar en serio o rescate dunha língua que merece estar en boca de todos e todas, pero por motivos ben distintos, non pola incompetencia para empregala da maioría dos nosos candidatos e responsables públicos.

Xusto é subliñar tamén que partidos coma o BNG da candidata Ana Pontón, levan toda a súa historia facendo da defensa da língua o seu cabalo de batalla particular, parte imprescindible de todas as súas políticas, e loita encarnizada porque un dos baluartes da nosa Cultura non caia na máis pura irrelevancia. Aínda así…todo parece ser pouco.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

9 + diecisiete =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.