Mantense aberto o prazo de inscrición nos minicampamentos que comezan a próxima semana en Cervantes e Monforte de Lemos

Diríxense a nenas e nenos entre 10 e 14 anos, que se aloxarán en establecementos turísticos durante cinco días para realizar actividades de natureza

A Consellería de Política Social mantén aberto o prazo de inscrición nos minicampamentos que se celebrarán a partir da vindeira semana en Monforte de Lemos e Cervantes.

Esta proposta, que se incorpora como novidade á oferta de verán da Xunta deste ano, está dirixida a nenos e nenas de entre 10 e 14 anos. Os minicampamentos desenvolveranse en aloxamentos turísticos distribuídos por toda a xeografía galega en estancias de cinco días, de luns a venres.

Na provincia de Lugo ofértanse 31 prazas vacantes para participar no “Eco-verán en Monforte”, distribuídas en tres quendas nas semanas do 20 e 27 de xullo e do 3 de agosto. Entre as actividades propostas figuran a visita ao miradoiro xeolóxico do pregramento tumbado de Leixazós e Campodola, ao Museo xeolóxico de Quiroga, ou a ruta ambiental dende Vilamor a Froxán, así como a práctica de kaiak e padel surf no río Miño, entre outras. Os participantes aloxaranse no hotel Condes de Lemos, na Praza da Estación.

Cervantes acollerá o minicampamento “Aventura na montaña”, que ofrece catro prazas na quenda do 24 de agosto.  Inclúe actividades de montañismo, xeorientación, xogo de rastrexo baseado na flora e fauna da zona, obradoiro de identificación de pegadas de animais na Reserva Natural e xogos de probas. Os rapaces estarán aloxados no Hotel Piornedo, en Donís.

Este programa, de carácter lúdico e formativo, oferta en total 533 prazas distribuídas entre   14 programas e instalacións en Galicia. O seu obxectivo é apoiar a adquisición de competencias e habilidades por parte das persoas máis novas, ao mesmo tempo que se fomenta o coñecemento da riqueza natural e patrimonial de Galicia, así como o coidado do medio ambiente e o ocio educativo.

Os minicampamentos que se inclúen nesta proposta pódense consultar na páxina web de Xuventude. Neste momento teñen prazas dispoñibles -ademais dos xa citados na provincia de Lugo- os de Covelo, Lalín e a comarca do Deza en Pontevedra, e os da Pobra de Trives e O Carballiño en Ourense.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.