Nun documento interno do Partido Galeguista anuncia o “desvencellamento funcional” da Coalición Marea Galeguista

Nun documento interno destinado a militancia do Partido Galeguista, asinado polo presidente,  anuncia  o seu “desvencellamento funcional” da Marea Galeguista.

O P. Galeguista leva anos convocando a unha converxencia funcional de organizacións nacionais que dean resposta ós problemas fundamentais do país, que empezan na falla de tradución política da nosa identidade nacional. As propostas políticas nacionalistas que veñen aparecendo por anos non respostaban axeitadamente a esa necesidade, pois limitabanse a unha opción de esquerda nacionalista restritiva no seu programa e dirixida a un seitor de poboación xa convertido.

Tiñamos a convición de que esta coalición, pola forma en que se plantexou e as organizacións que a integraban, sería algo diferente e renunciaría a ser unha nova versión desa oferta nacionalista restritiva e dogmática. A realidade tal como se foi desenrolando nega esta nosa convición inicial.

Por poñer un só exemplo, a Comisión de Programa estaba formada por un representante de cada partido. Cando me sentei cos representantes de CxG e Mareas pra tentar unha redación final consensuada das liñas programáticas, o primeiro que fixen foi perguntarlles en qué se diferenciaba o borrador que nos presentara Mareas dun programa do BNG. O silencio foi alongado e finalmente a representante de CxG dixo que na posición con Europa; certo é, un ponto que sempre defendimos como P. Galeguista, pero que no borrador que se nos presentaba estaba cara ó final e de xeito acesorio.

O borrador de programa de Mareas está cheo de clichés da esquerda nacionalista e dogmatismos ideolóxicos; por poñer só un exemplo, un elemento fundamental é a chamada “emerxencia feminista”, que se indica que debe rexer transversalmente tódalas nosas iniciativas políticas. Nó-nos confundamos: non se trata de abrir agora un debate sobre o tema; só presento esto como un exemplo da falla de orixinalidade que esta proposta programática supón (de feito, emula a mensaxe do partido de Errejón) e da cárrega de ideoloxismo; consecuentemente, no noso criterio, fica alonxada da realidade das verdadeiras emerxencias que sofre o país, que escomenzan na ameaza ó recoñecemento político da nosa propia identidade nacional diferenciada e continúan ca crise social i económica que aí nos vén.

Pero o verdadeiramente alarmante están sendo os procedementos, e vou citar só algúns exemplos:

Sinalouse unha comisión de tres persoas pra elabourar un conxunto consensuado de liñas programáticas, pra seren presentadas e aprobadas posteriormente na comisión coordenadora. Acordamos que nese testo asentariamos o que nos une e aparcariamos os pontos nos que non houbese unanimidade. Traballamos un par de semanas e finalmente eu fixen unha proposta de consenso; Daniel de CxG presentou outra similar á miña i eu asumina con pequenos matices. María presentou a súa propia proposta de consenso que difería notablemente da nosa, e aí quedamos sen aprobar ningún dos borradores.

O certo é que, pra o acto de Bonaval, deseñouse un esquema de intervencións no que se seguía o fío do borrador de María, un borrador dela, que os tres sabiamos que non fora aprobado nin pola comisión redatora das liñas programáticas nin pola comisión corrdenadora. Antes do acto, chamei a atención sobre este feito, pero os intervintes pasaron olímpicamente desto, saltándose tódolos protocolos de funcionamento normal dunha coalición.

Esixín unha retificación e reclamei outra vez unha reunión da comisión de programa pra chegar a unha redación final de consenso. Produceuse esa reunión varios días despois, pero quedou evidente que non había consenso e non aprobamos nada.

Apesares deso, sigueuse adiante asumindo que o borrador de Mareas era a doutriña verdadeira.

Apartires daí seguiron a deseñarse actos e iniciativas na comisión de comunicación. O P. Galeguista tén sinalados  dous representantes nesa comisión e dende hai un tempo non son convocados a ningunha reunión, algo polo que chamamos a atención, pero até agora tivemos só boas palabriñas. Só este feito supón unha grave vulneración dos máis básecos principios de funcionamento que nega toda virtualidade de continuación normal dos labores desta Coalición.

O acto do domingo pasado tamén foi deseñado sen a participación dos representantes nomeados polo P. Galeguista; no deseño curiosamente aparecían as executivas do P. Galeguista e de CxG como invitadas, e deseguro esto respostaba á literal realidade. E o contido foi tamén estabelecido sen a nosa participación.  Hai máis exemplos, pero non imos botar moito tempo na súa descrición.

Pola nosa banda, temos dado mostras de flesibilidade, como no tema do nome da Coalición, aínda que siga a pensar que foi un grave erro. Pero a evolución das cousas tén evidenciado claras diferenzas de mentalidade e de procedemento; o país que temos na cabeza é diferente e os xeitos de proceder tamén.

Diante desto, temos dúas opcións: dar un golpe na mesa i esixir unha recondución dos traballos e os procedementos, ou dar un paso ó lado. A clave da decisión está en considerar se esto é reconducible ou non, e temos evidencias de que non é reconducible; as palabras por veces son certamente conciliadoras, pero os feitos e decisións contradinas.

Polo tanto, non imos desgastarnos entre nós tensionando a situación e acordamos dar un paso ó lado.

Polo que me din algúns dos compañeiros de CxG, percibo que comprenden a nosa perspetiva i eles mesmos están a asumir cousas que non lles gostan, pero entenden que ese é o mellor procedemento; pola nosa banda, entendemos que val a pena prantexar abertamente o que cadaquén pensa, pero trátase de decisións soberanas de cada partido.

Non imos abandoar oficialmente a coalición, pero non imos seguir pelexando batallas nas que non cremos; tampouco imos manter tensións convosco que debilitarían as forzas pra afrontar un proceso eleitoral como o presente.

Pola nosa banda, dende hoxe retomamos o camiño da construción dun partido nacional amplo, aberto a todo o abano ideolóxico, na mira de conformar unha proposta realmente anovadora, liberada de vellos clichés, un Partido Galeguista aberto a tódolos que poñen políticamente a Galicia por riba de todo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *