O BNG Lugo reclamará no vindeiro Pleno municipal a nacionalización de Alcoa

Rubén Arroxo: “A nacionalización é a única saída para manter o futuro económico e social de toda a comarca da Mariña”

O Grupo Municipal do BNG defenderá, no vindeiro pleno municipal, unha proposición para instar ao goberno do estado a nacionalizar a planta de Alcoa en San Cibrao “para manter os postos de traballo da pranta da Mariña”, segundo declarou Rubén Arroxo. O portavoz do BNG en Lugo lembrou que “Alcoa ten uns oitocentos postos de traballo en San Cibrao, o que a converte no principal motor económico da comarca da Mariña”.

Rubén Arroxo afirmou que “o maior problema que ameaza a viabilidade da empresa é o alto custo da electricidade, imprescindíbel para a produción nunha planta de aluminio”. Para isto, Rubén Arroxo afirmou que “é urxente que o goberno do estado aprobe unha Tarifa Eléctrica Galega que nos permita ás galegas e galegos beneficiarnos da riqueza enerxética do noso país”. Ao mesmo tempo, Arroxo reclamou “a aprobación do Estatuto da Industria Electrointensiva, que permita que factorías como Alcoa San Cibrao poidan manter a súa actividade produtiva sen perdas económicas, garantindo o futuro da factoría e da comarca da Mariña”.

“O goberno do estado debe intervir a planta de Alcoa para retornala ao ámbito público”, afirmou Rubén Arroxo, que engadiu “a factoría xa foi pública no seu día e nunca debeu ser privatizada”. Para Rubén Arroxo, “esta medida é a única solución ao peche da factoría, asegurando os postos de traballo do principal motor económico da Mariña”. “O marco normativo galego, estatal e europeo non impiden a nacionalización da pranta, polo tanto para esta solución só se precisa de vontade política por parte das administracións públicas”, sentenciou Rubén Arroxo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.