Rodil: “Desde o goberno da Xunta continuaremos a rehabilitación do barrio da Tinería”

A candidata do BNG lembrou que o proxecto iniciado nos anos nos que o BNG tivo responsabilidades de goberno na Xunta “resultou gañador do premio de Boas Prácticas das Nacións Unidas”

A candidata do BNG por Lugo, Olalla Rodil, acompañada das concelleiras e concelleiros do BNG, e de integrantes da formación en Lugo visitaron o barrio da Tinería, onde denunciaron o abandono por parte do Partido Popular dun gran proxecto para Lugo iniciado durante a época do bipartito. Rodil declarou que “é sorprendente que cada vez que chega unha campaña electoral o Partido Popular lembre a Tinería, cando en 11 anos de goberno o único que fixeron foi paralizar un proxecto necesario para o centro da cidade”.

Rodil destacou o “impulso” que desde as áreas de goberno do BNG se está a realizar “na humanización do entorno da muralla”, e contrapúxoo á “deixadez e abandono da Xunta de Galiza do Partido Popular a unha das zonas da cidade con máis potencial, tanto turístico como económico”. “As distintas deputadas e deputados do BNG levamos desde o ano 2009 esixindo á Xunta de Galiza que continúe este proxecto”, afirmou Olalla Rodil, que engadiu “concretamente, a unidade de intervención UI-7, onde se atoparon os fornos, ten un gran potencial, dado que se podería converter nun centro de investigación e nun atractivo turístico para a cidade de Lugo”.

O proxecto comezado no bipartito polo BNG, cuxo investimento ascendeu a máis de 30 millóns de euros, gañou o Premio Dubai de Boas Prácticas da ONU. Olalla Rodil afirmou que “é unha vergoña o estado no que se atopa esta zona da cidade, despois do impulso feito pola Consellería de Vivenda para rehabilitalo”. “O 12 de xullo, as veciñas e veciños de Lugo teñen a oportunidade, votando ao BNG, de asegurar que o vindeiro goberno liderado por Ana Pontón reactive as actuacións da Tinería despois de 11 anos de parálise”, sentenciou Olalla Rodil.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.