Rodil: “Se o BNG goberna, blindaremos a sanidade pública e dotarémola depersoal para garantir o acceso das galegas a un servizo de calidade”

A candidata do BNG anunciou nun encontro público que o goberno do BNG investirá 200 millóns de euros “para asegurar o acceso á atención primaria a todas as veciñas e veciños da Galiza”

A cabeza de lista do BNG por Lugo, Olalla Rodil, participou nun acto público coa traballadora do SERGAS e número 3 da candidatura do BNG, Carme Aira, onde anunciaron as medidas que o BNG aplicará na sanidade se goberna a Xunta de Galiza a partir deste domingo. Carme Aira afirmou que “as políticas de recortes dos últimos once anos de goberno do Partido Popular levaron á nosa sanidade a un estado de emerxencia”.

“A atención primaria foi o ámbito da sanidade que sufriu estes recortes de maneira máis forte”, declarou Carme Aira, que engadiu “as consecuencias, masificación de consultas, falta de profesionais, PACs ao límite, repercuten na vida diaria das galegas e galegos, o que se está a ver máis acentuado aínda coa situación de emerxencia sanitaria pola que estamos a pasar”.

Olalla Rodil afirmou que “é urxente reverter estas políticas, acabar cos recortes e as privatizacións, as galegas e galegos podemos darlle a volta a esta situación e recuperar un sistema de sanidade pública, universal, gratuíta e de calidade votando ao BNG”. O BNG defende a atención primaria como porta de entrada ao sistema de sanidade público. Segundo Olalla Rodil, “temos que cambiar o modelo actual por un no que as persoas sexan o centro, baseado en equipos de profesionais en número suficiente que poidan atender en condicións ás necesidades da veciñanza”.

Rodil afirmou que “os 11 anos de recortes do PP tamén impediron que o persoal sanitario levara a cabo as tarefas de promoción de saúde”. Para Olalla Rodil, “é preciso un cadro de persoal que poida atender ás necesidades das doentes e cumprir coa súa función de formación ás galegas e galegos”.

Para a candidata do BNG, “unha das primeiras medidas a poñer en marcha é o Plan de Mellora da Atención Primaria, cunha partida de 200 millóns de euros para reforzar a porta de entrada á sanidade pública”. Olalla Rodil afirmou que “é preciso aumentar o número de profesionais en todos os centros de saúde, e incorporar á atención primaria ao persoal de categorías imprescindibles, como psicoloxía clínica ou logopedia, para prestar unha atención integral”.

Olalla Rodil afirmou que “o domingo podemos darlle a volta á xestión da sanidade na Galiza”. Para Olalla Rodil, “o voto ao BNG garante que a sanidade galega volva ser pública, universal e de calidade, feita para as galegas e galegos”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.