Sánchez Bugallo propón o traslado do mercado dos xoves á rúa de Roma como unha das fórmulas para activar Área Central

Recuperando un tema abordado no Pleno ordinario deste xoves, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, mostrou a dispoñibilidade municipal a estudar acción de apoio a Área Central. Entre esas posibles accións citou a posibilidade de trasladar o mercado dos xoves á rúa de Roma. Pero en calquera caso e en referencia a outro tipo de apoios e á consideración da titularidade privada do espazo, indicou que “non se poden xerar agravios comparativos nin escenarios discriminatorios” con outros espazos da cidade

“Imos falar con Área Central para ver en que lles podemos axudar”, apuntou o alcalde, que citou como un dos temas sobre a mesa o traslado do mercado dos xoves á rúa de Roma. Sánchez Bugallo cre na complementariedade deste mercado para Área Central e na súa capacidade para “xerar sinerxias e activar a hostalería.

Entre outras iniciativas que se poderían abordar aludiu a colaboracións para o estacionamento de clientes, tal como se veñen de por en marcha para o conxunto do comercio; campañas de promoción; ou outras xa adoptadas con anterioridade como a instalación da pista de xeo de Nadal na praza central do centro comercial. Ademais, lembrou o “enorme esforzo” realizado polo Concello na limpeza e seguridade de Área Central nos últimos meses.

“Eu creo que o gran problema de Área Central é que hai un gran porcentaxe de locais que non están pagando os gastos de comunidade”, apuntou o rexedor, que insistiu en que “non é posible trasladar á Administración pública a responsabilidade persoal e colectiva” e considerou “inviable” converter en públicos a praza e o paseo central, pois “todo o que hai debaixo é privado”.

Para Sánchez Bugallo, “Área Central ten que buscar o seu propio espazo” e, nese sentido, lamentou que, “coñecendo dende 2004 a apertura das Cancelas, que se produciu en 2012, non se adoptara ningunha medida”. En calquera caso, afirmou ter a sensación de que “en 2019, Área Central estaba remontando, pero o coronavirus foi un golpe”. Neste “repensamento” do complexo, ao alcalde parécenlle boas iniciativas a do outlet ou a aposta polo ocio.

Satisfeito polas festas

O rexedor tamén aproveitou a súa última rolda de prensa antes de marchar de vacacións para facer unha valoración das festas do Apóstolo, que cualificou como “unhas festas atípicas nun escenario extraordinario”. Afirmou estar “moi contento de ter feito as festas” e mostrouse seguro de que “se non houbera festas, o escenario nalgúns sectores sería significativamente peor”.

Destacou o “esforzo de organización extraordinario”, polo cal felicitou ao concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños, e só lamentou “algún temas que houbo que axustar, como o da reserva de entradas”. Cara os fogos de fin de festa desta noite, fixo un chamamento á cidadanía para “gardar as distancias”, lembrando que “non é necesario estar alí, no Campus, para poder velos”, polo que convidou a presencialos dende outros puntos da cidade.

Caída previsible da poboación activa

Coñecidos os datos sobre a caída da poboación activa na cidade, Sánchez Bugallo cualificou a situación como “preocupante, pero previsible” á vista do peso, en torno ao 20%, que ten o sector turístico na cidade. “O que nos dá esperanza é que a recuperación do sector turístico non vai ser inmediata, pero si sostida”, dixo, sempre co condicionante da evolución da pandemia e do turismo a nivel nacional e internacional. Ademais, indico que, se ben non imos empezar no mesmo punto que o deixamos no mes de marzo, non imos empezar de cero, porque Santiago é unha marca consolidada”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

tres + siete =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.