Santiago pon en marcha un novo sistema de xestión de quendas e cita previa

A concelleira de Modernización da Administración Local, Marta Abal, presentou este martes o novo sistema de xestión de quendas e cita previa de varios servizos municipais

Este sistema permitirá organizar de xeito escalonado e eficiente a volta á normalidade na xestión de trámites administrativos, cumprindo coas directrices de distanciamento social decretadas en resposta á Covid-19.

O/a cidadán/á poderá obter a súa cita previa tanto dende un ordenador como dun smartphone, accedendo a citaprevia.santiagodecompostela.gal, ou a través do teléfono 881 505 107. Tamén poderá obter a cita nalgunha quenda, de haber dispoñibles ese día, a través das máquinas de rexistro de chegada e espera en sala que se instalaron nas principais oficinas municipais de atención ao público. Grazas ao novo sistema poderán xestionarse as citas nas oficinas de Atención á Cidadanía, Atención ao Contribuínte, Padrón de Habitantes e Tráfico, así como no Rexistro Xeral, no Rexistro Auxiliar do Ensanche e no Rexistro e Oficina de Urbanismo.

Cando o/a solicitante entre en citaprevia.santiagodecompostela.gal, poderá seleccionar a oficina á que quere acudir e o trámite para o que pide cita previa. A páxina web mostraralle os días e as horas nas que hai quenda libre para atender ese trámite. O solicitante seleccionará o día e a hora que lle interese, e logo introducirá os seus datos persoais e de contacto. O/a usuario/a obterá un código localizador para a súa cita, que poderá recibir tamén mediante e-mail ou SMS. Este código permitirá posteriormente ao/á solicitante rexistrar a súa chegada, pero tamén modificar ou anular a súa cita.

Dispositivos móbiles

Estes pasos serán os mesmos que se poderán dar a través da webapp de cita previa dispoñible a través de calquera smartphone ou dispositivo móbil. Ademais, con esta aplicación, o/a usuario/a poderá, cando acuda á súa cita, indicar (co código localizador ou co DNI) que xa chegou á oficina sen necesidade de entrar dentro dela, e quedar esperando a súa quenda na rúa. O sistema indicaralle no móbil cantas persoas van diante e canto é o tempo estimado de espera, o que lle permitirá agardar fóra das instalación.

Cando sexa a súa quenda, recibirá un aviso no seu dispositivo móbil, indicándolle que xa pode entrar. No caso de haber quendas dispoñibles, poderá empregar tamén a webapp para solicitar algunha quenda que quede libre no día

A aplicación móbil de Cita Previa do Concello de Santiago de Compostela é unha app universal, válida para todo tipo de dispositivos móbiles. Non é necesario instalala. Poderase obter escaneando un código QR (dispoñible no PDF adxunto) ou indicando a dirección citaprevia.santiagodecompostela.gal.

A través do teléfono

Outra posibilidade para solicitar cita previa é a través do teléfono 881 505 107, grazas a un sistema interactivo e automatizado de recoñecemento de voz.

Ademais, seguirá vixente a posibilidade de solicitar a súa cita por teléfono ou presencialmente na oficina á que queira acudir. Nese caso, o persoal de atención xestionará a través da aplicación a cita solicitada.

Rexistro de chegada e espera en sala

O novo sistema de cita previa tamén permite que o solicitante rexistre a súa chegada á oficina sen necesidade de empregar un dispositivo móbil. Para iso, nas oficinas de atención ao público haberá un quiosco dispensador de quendas, no cal o solicitante introducirá o código localizador da súa cita previa. No caso de haber quendas dispoñibles, poderá empregar tamén o quiosco para solicitar algunha quenda que quede libre no día

Unha vez rexistrada polo solicitante á súa chegada á oficina no quiosco dispensador de quendas, o quiosco imprimirá un tícket co código da súa quenda. O/a solicitante poderá quedar na sala de espera agardando a ser chamado para atender o seu trámite.

Para isto, en cada oficina de atención o público haberá una pantalla na que, ao chegar o momento de atender ao solicitante, soará un aviso acústico e aparecerá o código da súa quenda, xunto co número do posto no que será atendido/a.

Mellora da atención

Este sistema de cita ten como obxectivo mellorar a atención e experiencia dos cidadáns, reducindo os tempos de espera e as aglomeracións e facéndoa máis dinámica, e á vez optimizar o uso dos recurso dispoñibles e a eficiencia na atención. Facilita a interacción coa cidadanía, ofrecéndolle diversas canles de comunicación co Concello e proporcionándolle información en tempo real sobre os servizos municipais.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.