SEA asina con Trimar Cerramientos unha parcela en dereito de superficie de case mil metros no polígono de Muros

A xerente de “SEA”, Beatriz Sestayo, amosou a súa satisfacción por esta primeira operación no polígono de Muros baixo o sistema de Dereito de Superficie, debido a que se trata dunha das apostas máis firmes para favorecer o impulso dos polígonos e facilitar o inicio de actividade dos emprendedores

A xerente de Suelo Empresarial del Atlántico, Beatriz Sestayo, asinou este xoves en Muros a concesión á empresa  Trimar Cerramientos Martínez dunha nova parcela no polígono industrial da localidade costeira. Trátase da primeira operación subscrita neste polígono baixo o sistema de Dereito de Superficie, un réxime que impulsa a nova xerencia para favorecer o crecemento empresarial dos polígonos e facilitar aos emprendedores o inicio da actividade.

A firma realizouse ante Notario coa presenza de José Antonio Martínez, responsable da empresa. Tras este trámite, a compañía poderá iniciar a construcción dunha nova nave empresarial.

A parcela adxudicada é a  M4-12, cunha superficie de 977,14 metros cadrados. Ao tratarse dun Dereito de Superficie as condicións económicas son altamente favorables para o adxudicatario, debido a que durante os cinco primeiros anos só terá que abonar cantidades moi reducidas de forma anual sen ter que afrontar a compra da parcela.

Ata o quinto ano, aínda que o período poderíase prolongar ata os dez, pode decidir se compra finalmente a parcela, para o que se lle descontarían parcialmente as cantidades abonadas con anterioridade. Se opta por continuar neste réxime podería seguir utilizando a parcela ata un total de 30 anos, abonando só as cotas establecidas anualmente.

En cifras, para esta parcela de 977 metros cadrados o canon fixado é de tan só 1.172,57 euros ao ano, o  primeiro e segundo ano –97 euros ao mes–, e de 1.954,28 euros o terceiro e cuarto ano. A partir de aí, a cantidade sería de 2.375,99 euros anuais (menos de 200 euros mensuais) ata alcanzar os 30 anos máximos de vixencia deste dereito.

BEATRIZ SESTAYO:APOSTA CLARA POR IMPULSAR Os POLÍGONOS

Beatriz Sestayo mostrou a súa “satisfacción” por esta primeira operación no polígono de Muros e lembrou que a oferta de parcelas en Dereito de Superficie é unha das opción máis interesantes para que os emprendedores poidan iniciar a súa actividade sen ter que facer fronte de forma inicial ao custo que suporía a compra dunha parcela.

É unha “aposta clara para reactivar polígonos nos que se detecta unha menor ocupación”, destacou, que se implantará proximamente noutros polígonos nos que existe demanda.

“Pódese así aprazar parte do investimento nos primeiros anos, co que se facilita que as empresarias e os empresarios poidan iniciar a súa actividade, sen ter que facer un gran desembolso inicial. Deste xeito, desde SEA queremos favorecer o asentamento de novas empresas”, subliñou Beatriz Sestayo.

TRIMAR CERRAMENTOS

Segundo explicou José Antonio Martínez a empresa  Trimar ten previsto iniciar a construción da súa nova nave ao longo do próximo ano. Terá unhas dimesións aproximadas de 670 metros cadrados e servirá tanto para a venda de carpintería metálica, cristalería e materiais de PVC como para a súa fabricación, tanto para uso doméstico como empresarial. Con esta nova nave tamén prevé ampliar a súa actual produción.

POLÍGONO INDUSTRIAL DE MUROS

O polígono industrial de Muros, situado nun enclave privilexiado na ría de Muros e Noia, suma unha superficie bruta de 196.207 metros cadrados e neta de 92.124 metros cadrados.

Na actualidade están vendidas parcelas a Almacenes Castelo, Almacenes Esteiro,  Carmax, Cárnicas Irmáns Pena,  Distribución Eleuterio  Balayo, Galega de Perfilados, Montelouro Prol Conservi,  Nafonso  Investimen, Ricardo  Romaní, Tanatorio Pombo, Daniel Rama (gasolineira), Muebles Queimado e Talleres  J. Mayo.

DEREITO DE SUPERFICIE

Actualmente, o Dereito de Superficie está a ofertarse nos polígonos de Cee, Malpica, Muros, Vilanova, Catoira e Mondoñedo, pero xa se está elaborando o primeiro Plan Estratéxico da entidade, no que se incluirán, entre outros, cambios neste aspecto.

Algúns dos polígonos nos que se poderían ofertar ofertar proximamente parcelas en Dereito de Superficie serían tamén o de Vimianzo. Ademáis, introduciranse cambios nas que xa se están a ofertar en Vilanova de Arousa ou Catoira, para tentar impulsar o seu crecemento.

Durante este ano 2020 Beatriz Sestayo avanzou que está previsto revisar de novo todas estas opción no seu Plan Estratéxico, “o primeiro co que contará SEA desde  a súa constitución”, co fin de que se “introduzan medidas que incentiven a instalación de empresas”.  Entre outros aspectos, tamén se terá en conta a colaboración dos propios  Concellos e as medidas que impulsen desde as súas competencias.

SUELO EMPRESARIAL DEL ATLÁNTICO

Os 13 parques empresariais e polígonos que Suelo Empresarial del Atlántico xestiona en Galicia suman máis de 4 millóns de metros cadrados e se sitúan nas provincias de Lugo –Monforte de Lemos, Mondoñedo, Chantada e Rábade—, da Coruña –Malpica, Vimianzo, Cee, A Laracha, A Pobra do Caramiñal, Muros e Rianxo—e de Pontevedra –Vilanova de Arousa e Catoira-. Son máis de 100 as empresas que están instaladas nos distintos polígonos de SEA.

Suelo Empresarial do Atlántico, S.L., S. M.E., é unha sociedade participada nun 83,44% polo Ministerio de Transportes, a través de Sepes; nun 14,26% pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo; nun 1,65% por ABANCA e un 0,65% pola Xunta, e creada co obxectivo de desenvolver e comercializar parques empresariais en Galicia.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.