Un científico da UDC, premiado polo Grupo Compostela de Universidades por un vídeo sobre a súa investigación de sistemas de refrixeración ecolóxicos

O xurado internacional do IV Concurso de Pitches do Grupo Compostela de Universidades (GCU) concedeu o segundo premio ao doutorando Jorge Salgado Beceiro do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña

O químico galardonado, orixinal de Cedeira, realiza a súa tese de doutoramento no grupo QUIMOLMAT (Química Molecular e de Materiais) do CICA (A Coruña), onde investiga como substituír os actuais sistemas de refrixeración por outros máis ecolóxicos e igual de eficientes.

Neste breve vídeo divulgativo (ou pitch) Jorge sinala que “os sistemas de refrixeración e de aire acondicionado representan máis do 20% do consumo enerxético mundial” e que a cifra tende a aumentar “en parte polo quecemento global”. Na súa presentación explica que o obxectivo da súa investigación é “substituír os gases invernadoiro empregados nos sistemas actuais por novos materiais sólidos máis ecolóxicos” que fabrican no laboratorio. Desta maneira evitaríanse os fatais efectos da acumulación de gases na atmósfera co consecuente dano da capa de ozono (necesaria para protexernos da radiación solar) e aceleración do cambio climático.

O xurado, que recoñeceu ter moi complicada a decisión, outorgou o primeiro e terceiro premio a dous estudantes da Universidade de Pécs (Hungría), ambos os dous proxectos enmarcados dentro do campo da biomedicina. A resolución do concurso pódese consultar nesta ligazón.

Está previsto que os tres investigadores premiados presenten os seus pitches publicamente durante a Asemblea Xeral do Grupo Compostela de Universidades en setembro.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.