Xente nova e leña verde. Por @DulceCorcu

Di o dito popular que só fan fume, que aínda é cedo para que servan de algo, moito ruído pero pouco proveito. Pero iso quizais fose antes, porque a leña verde do noso tempo arde coma o máis inflamábel dos combustibles, transmisores da herdanza cultural que, ás veces, inclúe tamén facer país coma fixeron antes todos os nosos devanceiros en cada verán das súas vidas: enfrontándose ao lume. Iso vén de acontecerlle á mocidade da Asociación Axio Mouro de Santa Comba, gaiteiros e gaiteiras que, mentras tocaban ás portas da Capela do Carme, non dubidaron en mudar os instrumentos musicais por outros máis acordes coa nova situación. Leña verde combatendo ese fume que só arde por desleixo, por inación, por interese e porque en demasiadas ocasións somos o noso principal inimigo. 

Axio Mouro ten pouco de vida, neófita pero xa madura, cun tecido asociativo que anda á procura de traer de volta as tradicións de toda unha vida, os cantares de taberna que os levan polos bares de Santa Comba cada venres, desgranando as pezas recuperadas do cancioneiro popular. Nos días de feira, os cantares de cego, onde se fan acompañar da sabedoría dos vellos do lugar, os que antes que eles percorrían eses mesmos lugares coa zanfoña, a pandeireta ou as gaitas. Pasado e presente xuntos criando futuro, abrindo aulas que ensinan o que ningún incendio pode arrasar, a Cultura e a tradición que sobreviven durante xeracións porque hai mozos e mozas que queren que sexan ignífugas, que non poidan ser pasto de ningún dos lumes que tentan devorarnos cíclicamente. Ese é o auténtico ouro negro do noso país, o “Axio Mouro” que nos proporcionará a riqueza que antaño manaba da mina de Varilongo en forma de Wolframio. Mineiros que buscaban o tesouro prometido mergullados nas profundidades da parroquia de San Salvador, días que se sempre tornaban noite e que agora atopan a súa homenaxe neste grupo de gaitas que nos gañou os corazóns esta fin de semana. Ogallá ese sexa o único lume que se volte a prender…o da música e a leña verde que fai fume…pero que a transforma na nosa historia e en dar vida a quen xa non pode contala. Ese, que arda para sempre!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.