Xoel López, Marlango, Mikel Erentxun, Rayden, Tanxugueiras e Fredi Leis actuarán este verán no novo ciclo Solpores no Lagoeiro

A Casa do Lagoeiro, na localidade pontevedresa da Estrada, acollerá nos seráns de agosto e setembro numerosas citas culturais no seu xardín exterior coa posibilidade de degustar algúns dos pratos máis destacados do seu restaurante

A Estrada contará, a partir do mes de agosto, cun novo ciclo de concertos e espectáculos. A Casa do Lagoeiro, situada na rúa do Vilar, presenta Solpores no Lagoeiro, unha proposta que quere ofrecer, nun ambiente de proximidade e apegado á natureza, unha experiencia única para o público asistente. Recoñecidos artistas do panorama musical actual como Rayden, Marlango, Mikel Erentxun, Fredi Leis, Xoel López ou Tanxugueiras formarán parte do cartel desta primeira edición, que se celebrará no xardín do recinto entre o vindeiro luns, 3 de agosto, e o domingo 12 de setembro.

Pop, rock, rap, jazz e música tradicional galega confluirán nunha proposta que nace co obxectivo de poder ofrecer, de novo, encontros ao vivo entre público e artistas á vez que recolle a tradición dun dos locais míticos de música en directo na zona, A Senra Café. Nesta ocasión, a cita en A Casa do Lagoeiro permitirá gozar da cultura, con total seguridade, nunha contorna única, natural e a ceo aberto. Ademais destas actuacións musicais, Solpores no Lagoeiro contará con dous recoñecidos humoristas do territorio estatal, o coruñés Luis Piedrahita e Goyo Jiménez. Ambos intérpretes visitarán o xardín os días 21 de agosto e 12 de setembro, respectivamente.

A primeira visita á Casa do Lagoeiro será, precisamente, a de Rayden, quen actuará o luns 3 de agosto no marco da súa nova xira #LosNuevosAgostos, unha iniciativa exclusiva que o madrileño pon en marcha este verán co gallo da nova normalidade. As entradas para o concerto inaugural xa están á venda na plataforma www.enterticket.com. O poeta e rapeiro, quen vén de lanzar un EP inspirado na serie La casa de papel, é un dos músicos máis influíntes da súa xeración grazas a súa proposta de creacións viscerais e sen etiquetas.

Dez días despois, o xoves 13 de agosto, Mikel Erentxun presentará o disco El último vuelo del hombre bala. O cantante do mítico grupo Duncan Dhu, referente do rock español nos anos 80, é un dos artistas con máis carisma e versatilidade do panorama musical e no xardín da Casa do Lagoeiro ofrecerá un concerto inesquecible para as e os incondicionais do seu talento.

Os Solpores no Lagoeiro continuarán á semana seguinte con dous pratos fortes do ciclo: o humorista Luis Piedrahita (21 de agosto) e Marlango (23 de agosto). O dúo conformado por Leonor Watling e Alejandro Pelayo dará a coñecer en acústico o seu álbum Technicolor, co ue levan xirando por salas e teatros nos últimos tempos. Xa na última semana do mes, o xoves 27 será a quenda do cantautor galego Fredi Leis, autor de éxitos coma Mariposas ou Quiero darte, mentres que o día 30 as voces e pandeiretas de Tanxugueiras, que veñen de esgotar as entradas para o seu concerto no TradFest, presentarán o seu segundo disco, Contrapunto.

En setembro rematará a primeira edición do ciclo. O 6 de setembro Xoel López, un dos músicos máis recoñecidos do pop-rock iberoamericano, presentará algúns dos temas do seu novo álbum que se publicará no outono e dos que xa se coñecen singles como Alma de oro. Finalmente, o cómico Goyo Jiménez pechará os Solpores no Lagoeiro o sábado 12 de setembro.

ACCESO AO RECINTO E VENDA DE ENTRADAS

Todos os concertos e espectáculos de Solpores no Lagoeiro celebraranse no exterior da casa, nun xardín preparado especificamente para cada actuación e no que se darán todas as garantías de seguridade para poder gozar da iniciativa á vez que se cumpren os protocolos sanitarios. Así, a capacidade do recinto será para 220 persoas e cada actuación comezará ás 21.00 horas, aínda que se abrirán as portas contra ás 19.30 horas.

O espazo contará con indicacións para o tránsito e con xel hidroalcohólico á disposición das e dos asistentes, que deberán levar mascarilla. Ademais, o público sentarase en función dos convivintes ou unidade familiar e contará cunha mesa na que o servizo do Restaurante do Lagoeiro servirá as bebidas. Todas aquelas persoas interesadas en cear durante as actuacións deberán facer, previamente, a súa reserva.

As entradas para cada actuación dos Solpores no Lagoeiro, que conta coa colaboración de Mahou, Petroni e Aleata, sairán proximamente á venda, no mes de agosto, agás no caso dos billetes para o concerto de Rayden, que xa se poden adquirir a través da plataforma www.enterticket.com.

A CASA DO LAGOEIRO

Na rúa do Vilar atópase unha fermosa casa de pedra que, segundo os escritos, leva pousada neste enclave desde 1896. Logo de ser o fogar do lagoeiro, o coidador dos camiños, e de e ser o espazo de xogo para as nenas e nenos da vila, no pasado mes de xuño a casa abre as súas portas para ofrecer aos seus visitantes unha estancia agradable e sustentable na localidade da Estrada.

A Casa do Lagoeiro conta con seis habitacións dobres e un apartamento en cuxa reforma primaron os criterios de sustentabilidade e respecto ao medio. A madeira é o material que acompaña cada un dos espazos que, á vez, agochan un segredo singular: cada cortina provén da reciclaxe de 13 botellas de plástico de 1,5 litros. O coidado do medio é tamén visible nunha coidada iluminación a través de puntos led que contribúen á redución da contaminación lumínica.

Xunto á casa atópase o Restaurante do Lagoeiro. O apego ao territorio, o produto fresco e os sabores tradicionais atopan o seu espazo nunha casa na que o equipo de cociña suma, en cada proposta, un punto de fusión. O peixe e o marisco destacan nunha carta que inclúe produtos da horta, arroces, carnes, larpeiradas e diferentes bodegas, aptas para todos os padares máis exquisitos. O restaurante do Lagoeiro está aberto á veciñanza e ofrece servizo todos os días, en horario de comidas e ceas, agás os domingos pola noite e os luns.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.