12 millóns de euros para a contratación e inserción laboral de máis de 1.600 persoas

O Goberno de Carmela Silva completa a Liña 3, de Emprego en servizos municipais, do Plan Concellos e ultima os plans de formación e inserción laboral “O teu primeiro emprego” e “TIC Emprendes”

O esforzo da Deputación de Pontevedra pola formación e inserción laboral chegará este ano a máis de 1.600 persoas. O Plan Concellos, a través da Liña 3, dedicada a Emprego en servizos municipais, é a espiña dorsal deste operativo. A  Deputación destina 9,5 millóns de euros a financiar a contratación directa de preto de 1.000 traballadoras e traballadores por parte dos 58 concellos adheridos. Ao balanzo cómpre tamén engadir os plans O teu primeiro emprego, financiado con fondos propios, e TIC Emprendes, con financiamento europeo, que chegarán a máis de 600 persoas.

Os tres principais programas laborais da Deputación contan cun orzamento total de 12,8 millóns de euros, que se reparten entre os 9,5 millóns de euros cos que a Deputación sufraga os contratos do Plan Concellos, os 2,6 millóns reservados para o programa de inserción par anovos titulados O teu primeiro emprego e os 700.000 euros dos fondos europeos do TIC Emprendes.

No que atinxe á Liña 3 do Plan Concellos, os 58 municipios solicitantes puideron contratar, entre outros perfís, a profesionais de protección de medio ambiente, peóns e peoas de diferentes especialidades, forestais, operarios/as de condución de vehículos, profesionais de pavimentación, especialistas en horticultura-xardinería, persoas administrativas, monitores/as, traballadores/as sociais, profesionais de fontanería e electricidade, persoas para conserxería, técnicos/as de turismo, albaneis, profesionais de limpeza, operarios de obras e servizos, ou carpinteiros/as. Nos cinco anos de Goberno de Carmela Silva, coa Liña 3 do Plan Concellos téñense creado en toda a provincia un total de 6.714 postos de traballo temporais para desempeñar diferentes tarefas municipais.

Ademais, tamén en materia de emprego e formación, o Goberno de Carmela Silva ten en marcha o plan de fomento da empregabilidade na provincia O teu primeiro emprego 2020 que, cun orzamento de máis de 2,6 millóns, chega por segundo ano consecutivo substituíndo ao antigo Plan de Práctica Laboral e aliñándose co Plan director por un Traballo Digno. O  programa, que o ano pasado lanzou ao mercado laboral a 228 mozos e mozas da provincia, volverá convocarse este ano estruturado en catro programas de actuación: O teu primeiro emprego na Deputación de Pontevedra, nos concellos, nas empresas e corporacións sectoriais, e en organizacións non gobernamentais.

Por outra banda, a partir do mes de setembro, iniciaranse as accións formativas de TIC Emprendes. Trátase dun programa que conta cun orzamento de máis de 700.000 euros, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e está destinado a 390 persoas mozas, de entre 16 e 30 anos, de 31 concellos da provincia que máis sofren o déficit demográfico. Esta iniciativa da Deputación de Pontevedra busca asentar á poboación moza no territorio e ofrecer alternativas laborais no rural, loitando así contra o despoboamento.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.