A Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros-Noia bota a andar cun plan de accións e orzamento ata fin de ano

Esta mañá celebrou a súa primeira asamblea xeral para a constitución da entidade, aprobación de orzamentos e das primeiras accións que levará adiante ata fin de ano

Cun orzamento de algo máis de 18 mil euros para o que resta de 2020 e a constitución oficial da súa estrutura e órganos de goberno, esta mañá botaba a andar a Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros-Noia, integrada polos 9 concellos polos que discorre este camiño: Ames, Brión, Lousame, Muros, Noia, Outes, Porto do Son, Rois e Santiago de Compostela.

A presidencia da nova entidade recaeu na tamén presidenta da Ría da Estrela e alcaldesa de Lousame, Terera Villaverde, mentras que a vicepresidencia foi para o alcalde de Noia, Santiago Freire; o cargo de tesoureiro será desempeñado polo alcalde de Outes, Manuel González; a secretaría o concelleiro de Medio Ambiente, Medio Rural e Turismo de Ames, Manuel Lens, e a vogalía na alcaldesa de Muros, Inés Monteagudo.

Neste sentido,Teresa Villaverde celebrou a constitución da asociación porque é “un paso moi importante xa que agora dispoñemos dun plan de acción coordinado para os próximos meses para dar a coñecer este itinerario e conseguir o antes posible o seu recoñecemento como itinerario cultural, para que así poida optar ás axudas públicas que se convocan para esta finalidade”.

Coa sinatura dos estatutos da asociación e a celabración da súa primeira Asamblea Xeral, a nova entidade comeza xa a traballar na promoción deste itinerario xacobeo e o fará seguindo o plan de accións aprobado na xuntanza celebrada hoxe en Santiago de Compostela. Así, entre as primeiras medidas aprobadas a presidenta destacou a xuntanza que manterá mañá martes co conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, para darlle conta da oficiacialización da asociación, do seu plan de accións e, especialmente, do proxecto de que este camiño sexa recoñecido como itinerario cultural, un proxecto que avanza a bo ritmo grazas ao apoio acadado do Arcebispado de Santiago trala xuntanza celebrada a pasada semana.

Dinamización local do Camiño

A ronda de contactos para dar contar da creación desta asociación continuarán este mesmo venres cando se manteña tamén un encontro cos colectivos e asociacións de Amigos do Camiño de Santiago aos que se lles invitará a coñecer polo miúdo as peregrinacións náuticas e a pe ata Santiago a través deste itinerario que aspira a ser recoñecido oficialmente como Camiño de Santiago a efectos de patrimonio cultural e ruta turística xacobea.

Accións ata final de ano

A presidenta da Ría da Estrela e agora tamén da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros-Noia, Teresa Villaverde, tamén aproveitou a celebración desta primeira xuntanza para dar conta do avance nos traballos da agrupación de municipios polos que trascorre este camiño, que leva un ano avanzando no proceso de sinalización e delimitación do roteiro. Neste sentido, Villaverde anunciou que agardan que para o mes de outubro estean finalizados e se poida presentar oficialmente o percorrido oficial deste itinerario cultural.

Finalmente, a nova asociación tamén aprobou as súas cotas de socios – determinadas nun 50% fixo e na outra metade en función de criterios de poboación e número de quilómetros de Camiño que discorren polo municipio –  así como  destinar parte do orzamento anual consignado neste 2020 para a edición dun traballo monográfico sobre este Camiño, a traballos de creación de imaxe corporativa e web así como para a participación da asociación en Fairway, a Feira sobre o Camiño de Santiago, que se celebrará en Compostela  do 8 ao 10 de novembro. Por último, Villaverde tamén anunciou que antes de que remate o ano a asociación volvería a celebrar unha nova asamblea xeral para poder aprobar un presuposto para 2021.

Á reunión de hoxe asistiron o alcalde en funcións de Santiago, Gumersindo Guinarte; e os alcaldes e alcaldesas de Lousame, Teresa Villaverde; Brión, José Luis García; Muros, Inés Monteagudo; Noia, Santiago Freire; Outes, Manuel González; e Porto do Son, Luis Oujo; así como o tenente de alcalde de Rois, Manuel dos Santos; e o concelleiro de Medio Ambiente, Medio Rural e Turismo de Ames, Manuel Lens.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.