“A Cruz Vermella debe reconsiderar o peche do seu centro de día na Coruña”

Jorquera salienta que a Cruz Vermella percibe subvencións do Concello e recentemente vén de recibir unha achega de 100.000 euros para o programa de acompañamento a persoas maiores

O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, dirixiu unha pregunta por escrito ao Goberno Local para que este se dirixa á Cruz Vermella visando que esta ONG reconsidere o peche do seu centro de día na Coruña.

Actualmente, o centro de día atende por volta de 23 persoas usuarias e nel traballan un terapeuta ocupacional, 4 auxiliares, unha psicóloga e unha condutora, alén do reforzo que este cadro de persoal recibe por parte de voluntarias.

O peche do centro coruñés insírese no fechamento de todas as instalacións deste tipo xestionadas pola Cruz Vermella na Galiza, programado para o mes de setembro.

A ONG xustifica este desmantelamento de servizos co argumento do impacto da pandemia –o aumento das ratios persoas coidadadoras/usuarias tornaría inviábel o mantemento dos centros- mais sorprende, estima Jorquera, que se tomase esa decisión sen ningún tipo de diálogo nin coas familias afectadas nin coas administracións públicas.

A este último respecto, remarca Jorquera que a Cruz Vermella é perceptora de subvencións quer por parte da Xunta quer por parte do Concello, o que loxicamente debería ter as súas contrapartidas por parte da ONG. “No marco das medidas de reforzo das políticas sociais para facer fronte ás consecuencias da COVID-19, o Concello da Coruña decidiu incrementar en 100.000 euros a dotación á Cruz Vermella para reforzar o programa de acompañamento a maiores”, subliña o portavoz nacionalista.

Se se consumar o peche, alerta Jorquera, “acentuaríase o déficit de prazas existentes nos centros de día na Coruña”, do que é directo responsábel o Goberno galego pola súa “inacción neste eido”, de aí que sexa aínda máis perentorio que o Concello faga todas as xestións que estean ao seu alcance para que a Cruz Vermella reconsidere a súa decisión.

Alén do máis, suxire Jorquera que entre as xestións figuren conversas coa Xunta para que interveña no asunto, dadas as súas competencias en materia de política social e así, nese mesmo sentido, o voceiro do BNG pregúntalle ao Goberno Local se vai demandar do Executivo galego “un compromiso real para incrementar a oferta de prazas públicas en centros de día na nosa cidade”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.