A primeira edición de Solpores no Lagoeiro chega ao seu ecuador coa música sen etiquetas de Fredi Leis e Tanxugueiras

A primeira edición de Solpores no Lagoeiro chega esta semana ao seu ecuador. A cita cultural que promove A Casa do Lagoeiro, na localidade de A Estrada, ofrecerá nos vindeiros días novas actuacións a ceo aberto e con todas as garantías de seguridade para que tanto para o público coma para as e os artistas que conforman o cartel da programación gocen do reencontro ao vivo.

A primeira cita desta última semana de agosto será co compostelán Fredi Leis. Unha das novas promesas máis singulares da canción de autor actuará este xoves 27 na Estrada a partir das

21.30 horas. Será nun concerto acústico no que o cantautor e intéprete, que na súa última creación La Faraona aposta “pola música sen etiquetas nin barreiras”, dará a coñecer nos Solpores do Lagoeiro os temas do seu disco Neón, un traballo que conta con pezas como Mariposas, Sálvate ou Quiero Darte.

De cara á fin de semana, a música tradicional incrementará as súas revolucións na comarca do Deza co potente directo que ofrecerá Tanxugueiras o domingo 30, ás 21.00 horas. O trío, conformado por Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro, presentará Contrapunto, o seu segundo traballo discográfico, un álbum que, a modo de espello, presenta dez creacións sobre   as cuestións positivas e negativas da vida. Cinco vivencias enfrontadas a outras tantas nas que as coplas tradicionais e novas creacións non faltarán á cita do xardín do Lagoeiro, no que soarán temas coma Desposorio, Perfidia e outros éxitos do grupo.

As entradas para os concertos de Fredi Leis e Tanxugueiras están dispoñibles a través da plataforma web Enterticket. De cara ao mes de setembro, Solpores no Lagoeiro programa os dous últimos espectáculos da súa primeira edición. O domingo 6 será a quenda de Xoel López en formato cuarteto, nun concerto que ten as entradas practicamente esgotadas. Xa na semana seguinte, o sábado 12, o cómico Goyo Jiménez presentará Confusio, unha recompilacion dos seus mellores monólogos coa que se pechará o ciclo. Os billetes para esta última actuación pódense adquirir, unicamente, de forma presencial en A Casa do Lagoeiro e O Camiño (A Estrada), A Senra Café (Teo) e Ollo de Boi (Portonovo). Para aquelas persoas que non se poidan desprazar fisicamente a algún destes espazos, A Casa do Lagoeiro habilita un número de teléfono (690.212.767) para poder facer a reserva previa das mesmas.

Cultura segura

Todos os concertos e espectáculos de Solpores no Lagoeiro celébranse no exterior da casa rural A Casa do Lagoeiro, nun xardín preparado especificamente para a ocasión e no que se dan  todas as garantías de seguridade para poder gozar da iniciativa á vez que se cumpren os protocolos sanitarios. O espazo conta con indicacións para o tránsito e facilita xel hidroalcohólico para as e os asistentes, que deberán levar mascarilla en todo momento.

Unha vez no recinto, que abre as portas cunha hora e media de antelación ao inicio de cada espectáculo, o público séntase en función dos convivintes ou unidade familiar. Cada grupo, respectando a distancia de seguridade de 1,5 metros que establece o protocolo, conta cunha mesa na que o servizo do Restaurante do Lagoeiro serve as bebidas durante a sesión. As persoas que, ademais do espectáculo, queiran gozar dunha cea no establecemento, deberán facer a súa reserva previamente.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.