Aprendendo baixo paus

Ata fai pouco, o posto de porteiro era algo prácticamente esquecido nos clubes de fútbol modesto, rara vez contaban con adestramento específico e, moito menos, con alguén adicado a esa tarefa en exclusiva. Quizais por iso, dous porteiros avalados polas súas traxectorias e os seus títulos formativos, convertíronse en pioneiros na bisbarra adicándose á ensinanza dese ingrato posto onde a gloria e a derrota, sempre están separadas por unha finísima liña.
Óscar Rama (Trucho) e Agustín de Carlos (Elduayen), fixeron da portería un posto apetecible dende a súa itinerante Escola de Porteiros Nordés, que comezou en Carballo e Baio, e que nunca deixou de contar cun amplo número de alumnos apaixonados dos tres paus.
Abarcando todas as categorías, as quendas van dende Prebenxamín a Sénior, e algúns rapaces levan transitada toda a súa vida deportiva da man deles. Os segredos da área pequena son descubertos pola profesionalidade e coñecementos de Trucho e Elduayen, moito máis que mestres, tamén cómplices e depositarios das alegrías e penas que conleva o posto, unha responsabilidade que os nenos e nenas van adquirindo dende cativos baixo a súa tutela. Unha forma tamén de relacionarse con compañeiros doutros equipos, rivais en competición pero amigos no campo Nordés.

Cada vez máis, un porteiro non é só alguén que xogue coas mans, cualidades coma o xogo de pés, aéreo, intelixencia á hora de tomar decisións en segundos ou algo que parece tan sinxelo coma colocar ben unha barreira, son aspectos que se traballan ao detalle, tratando de que cada un deses alumnos sexa cada día máis completo e seguro.

