Aprendizaxe, diversión e natureza nas rutas de sendeirismo que organiza Íntegro pola Costa da Morte

A nova realidade imposta tras a pandemia e as medidas anti-COVID recomendadas para frear a súa propagación, están a poñer de manifesto a necesidade de mudar os nosos hábitos sociais e procurar novas formas de entretemento e diversión para o noso tempo de lecer. Neste senso, as actividades ao aire e o contacto directo coa natureza están a converterse nunha alternativa ideal para o tempo de ocio, capaz de garantir o cumprimento das novas restricións sanitarias, ademais de fomentar novos valores para o desenvolvemento dunha vida máis saudable e respectuosa coa contorna.

En Íntegro sabémolo moi ben e por iso estamos a promover, desde o programa Iniciativa Xove, financiado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, diversas rutas de sendeirismo pola Costa da Morte encamiñadas á aprendizaxe, observación e interpretación da natureza polo miúdo así como a sensibilizar e concienciar á cidadanía sobre a importancia de respectar e protexer o medio ambiente.

Coa finalidade de preservar a saúde dos/as participantes e cumprir estritamente coas medidas de prevención establecidas para evitar a propagación da COVID-19, cada grupo estará formado por un número moi reducido de persoas, que deberán someterse a un control de temperatura e hixiene de mans antes da saída así como o uso obrigatorio de mascarilla durante a camiñada. Ademais, os sendeiristas deberán levar roupa e calzado cómodos, protección solar, gorra e bebida abundante para combater o calor.

Rutas e recomendacións

Os percorridos elixidos para as rutas que imos levar a cabo discorrerán por diferentes localidades da Costa da Morte, de gran beleza paisaxística e riqueza medioambiental como a ruta Caión-Baldaio, Camelle-Arou ou os paseos marítimo-fluviais de Laxe e Cabana de Bergantiños. A data e o horario de cada ruta concretarase cos/as asistentes unha vez rematado o período de inscrición.

Esta actividade vai dirixida a mozos e mozas con idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos. Se estás interesado/a en participar, inscríbete canto antes enviando un mail a info@integro.es e prepárate para desfrutar dunha xornada na que aventura, diversión e aprendizaxe estarán aseguradas.

Obradoiro 3R

Por outra banda, e seguindo coa nosa política de protección medioambiental para lograr un mundo máis equilibrado e sostible, a vindeira semana poremos en marcha unha nova acción formativa incluída no programa Iniciativa Xove da Xunta de Galicia. O contido do obradoiro, que se desenvolverá en horario de tarde nas nosas instalacións de Nantón, en Cabana de Bergantiños, xirará arredor da regra das “3R” (Reducir, Reciclar e Reutilizar) e a importancia de aplicalas na nosa vida cotiá para salvar o planeta e xerar hábitos de consumo responsable. Apúntaste? Agardámoste!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.