Bergantiños. Por @DulceCorcu

Hai defensas que son innecesarias, nas que os feitos dos que se acusa deféndense sós, e tamén porque o acusado ten vimbios abondos para facerse valer por si mesmo

É o caso do capitán deportivista Álex Bergantiños, vítima dunha trama para nada futbolística, senón mafiosa, que acada o seu cúlmen na detención desta mañá por axentes chegados de Madrid, con requisación de móbil e condución á comisaría de Lonzas, non vaia ser que alguén tan perigoso ande solto pola cidade. Un asasino en potencia que hai que poñer a bo recaudo para que non siga disparando audios de Wathsapp, cargados con balas tan letais como dicir “paripé” ou “polo menos que sexamos oito no partido”.

O Fuenlabrada, a Liga de Tebas, o CSD e a Federación Española de fútbol están a cubrirse de gloria, amosando unha incapacidade manifesta para resolver un conflito que a cada día que pasa fai do fútbol calquera cousa menos un deporte. Unha monarquía absolutista onde reina un aprendiz de Borbón, un déspota que mira polo seu negocio exclusivamente, polos intereses familiares onde ser xuíz e parte é a norma. E no medio, o Deportivo da Coruña e o seu capitán. Ningún é culpable de encher un avión de enfermos contaxiosos e atravesar con el media España, poñer patas arriba un hotel e unha cidade, e despreocuparse de todo o que non sexa sacudirse o morto de enriba e cargarllo a outros. Sería un disparate ata cómico se non houbese tanto en xogo, e non só a nivel deportivo, senón algo tan valioso coma a dignidade e a categoría humana dun Bergantiños a quen ninguén nunca cuestionaría, agás quenes non teñen nin unha, nin outra. Que sexa detido e o primeiro en declarar, xa di todo canto debemos coñecer, a magnitude e falla de escrúpulos duns tentáculos que o abarcan todo, capaces incluso de atopar cómplices no vestiario rival. A vaquiña polo que vale, que se soe dicir.

Álex di que ten a conciencia tranquila e iso é algo que non dubidamos. Non ten que convencer a ninguén de nada, xa o fai cada domingo no campo. Nese rectángulo onde noventa minutos dan para varias vidas, e no que el viste de curto coma se levase traxe e gravata, señor ante o que descubrirse e do que aprender. Que fai do fútbol o que todos agardamos que sexa: un fogar cálido ao que sempre queremos voltar. Un capitán non se fai cunha banda no brazo, pero Bergantiños é dos que naceron con ela posta, tatuada nunha pel no que cada poro é branquiazul, franxas dunha traxectoria impecable que ningún covarde poderá lixar. Os máis desgrazados non son os que sofren as inxustizas…senón os que as cometen, dicía Montesquieu. #ÉDeXustiza

Foto: RCD

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.