BNG Viveiro: “O PSOE leva 10 anos sen interesarse en oficializar o Camiño de Santiago que atravesa Viveiro”

Os Camiños de Santiago forman parte sen dúbida do patrimonio cultural de Galiza, camiños de peregrinación que se iniciaban por toda Europa para chegar á Catedral de Santiago situada no Reino de Galiza. Camiños que aínda hoxe en día, séguense a utilizar aínda que con moita menos devoción relixiosa e máis como turística e deportiva

Os trazados dos camiños fundaméntanse no recoñecemento do seu uso como rutas de peregrinación de longo percorrido que estruturan, conforman e caracterizan o territorio que atravesan. As rutas principais dos Camiños de Santiago son: o Camiño Francés; o Camiño do Norte, ruta da costa e ruta do interior, tamén coñecido como Camiño Primitivo ou de Ovedo; o Camiño Inglés; o Camiño de Fisterra e Muxía; o Camiño Portugués, interior e da costa; a Vía da Prata ou Camiño Mozárabe; e o Camiño de Inverno. Mais tamén poderán ser recoñecidas como Camiño de Santiago aquelas rutas das que se documente e xustifique convenientemente a súa historicidade como rutas de peregrinación a Santiago de Compostela e a súa influencia na formalización da estrutura do territorio polo que transcorren.

Por todo isto, dende o BNG de Viveiro solicitaron en pleno “que se nos fixera entrega dunha copia da documentación relacionada co Camiño do Mar coa que conta o Concello, como tamén, formulábamos as seguintes preguntas: cales foron as accións promocionais desta ruta postas en marcha polo Concello, e qué tramitación teñen feito para o recoñecemento da Xunta de Galiza deste camiño como ruta Xacobea que pasa por Viveiro”.

“Por desgraza a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e a concelleira de Turismo, Marisol Rey, non fixeron máis que confirmar que en 10 anos non fixeron nada pola promoción desta ruta Xacobea que atravesa Viveiro” afirma Míriam Bermúdez, e incide “en que son máis de dúas lexislaturas sin molestarse en falar coa Xunta, tampouco teñen ningún tipo de documentación nin reuniron información algunha ao respecto deste camiño, cando é imprescindíbel tela para xustificar a historicidade do Camiño do Mar e lograr que saia aprobada esta ruta como unha alternativa máis dos Camiños de Santiago. O Concello é o organismo competente ao que lle corresponde tramitar esta documentación”, conclúe Míriam Bermúdez.

Dende a formación nacionalista deixan claro e aclaran ao Goberno Local do PSOE, que “o “Camiño do Mar” é unha cousa, e facer o camiño polo mar é outra ben distinta, que está ben que haxa xente que o faga en barco pero non ten nada que ver coa historia nin cos trámites necesarios para declarar ruta Xacobea ao Camiño de Santiago que atravesa Viveiro. Xa que no pleno nin parecían ter clara esta diferencia”.

Dende o BNG de Viveiro tamén solicitan á Conselleria de Turismo da Xunta a información acerca dos trámites e da documentación existente, así como da necesaria para declarar ruta Xacobea ao Camiño de Mar que atravesa Viveiro. “Tal e como fixemos cando nos puxemos en contacto coa Consellería de Medio Rural, solicitando información de porque seguía a prohibición da couza da pataca en Viveiro, ante a falta de interés e información dende o Goberno de María Loureiro”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.