CCOO esíxelle a Feijóo «medidas urxentes» ante os casos de COVID detectados nos centros administrativos da Xunta

.O esíxelle á Consellaría da Presidencia «medidas urxentes» ante a sucesión de casos de COVID-19 detectados nos últimos días nos centros administrativos da Xunta. O sindicato tivo coñecemento —nunca de xeito oficial— de distintos gromos en instalacións públicas, tales como os servizos centrais da Xunta (San Caetano, en Santiago de Compostela), a residencia compostelá de Volta do Castro ou a Xefatura Territorial da Consellaría de Economía, Emprego e Industria da Coruña.

O sindicato segue «con preocupación» a situación, que se pode agravar en setembro co remate das vacacións de milleiros de traballadoras e traballadores públicos e coa fin da modalidade de teletraballo. CCOO lembra que o complexo administrativo de San Caetano é o maior centro de traballo de toda a Administración galega, con persoal procedente de toda Galicia. A situación, aínda que a menor escala, reproducirase nos edificios administrativos da Xunta en Ferrol, A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

Así mesmo, CCOO sinala que a meirande parte destes traballadores e traballadoras utiliza o transporte público para desprazarse desde os seus lugares de residencia, «o que aumenta o risco de expansión do virus en caso de contaxio».

Ante esta situación, e para evitar un posible agravamento, CCOO esíxelle á Xunta de Galicia información oficial sobre os casos diagnosticados nos últimos días, as medidas adoptadas ao respecto e a convocatoria «urxente» dos órganos de representación especializados en materia de saúde e seguridade laboral.

O sector da Autonómica tamén pide a realización de test PCR a todo o persoal da Xunta de Galicia, «como método máis fiable de prevención e control» e a dotación de máscaras para todo o persoal da Administración galega en función do nivel de risco de contaxio e non unicamente nos centros sociosanitarios.

CCOO tamén solicita a adopción de medidas para evitar a coincidencia masiva de persoas nos centros de traballo, así como reducir a presenza de persoal, especialmente onde non se poida garantir a distancia de seguridade. Neste punto, demanda a ampliación máis aló de setembro da modalidade de teletraballo, que resultou «moi efectiva» nos meses anteriores, non só polo volume de traballo efectivo realizado, senón tamén por reducir o número de traballadores e traballadoras nas instalacións.

Desde o sector da Autonómica de CCOO son conscientes de que «o que agora lle preocupa á Xunta é o comezo do curso escolar», pero estará «vixiante e traballando» para que a Administración non se esqueza de protexer a saúde do resto do seu persoal.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.