Comunicado do Ceesg: “Educación Social xa nas escolas galegas”

Comunicado do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg) en relación ás medidas-parche*  anunciadas para o comezo de curso escolar pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia

O pasado mes de abril, desde o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia remitimos unha carta a Carmen Pomar Tojo, como máxima responsable da Consellería de Educación, e ao Presidente da Xunta de Galicia, onde trasladámoslles a nosa preocupación pola situación que, derivada da crise COVID, están a vivir as crianzas galegas e a comunidade educativa, no seu conxunto, no relativo á educación regrada.

No mesmo mes, e en colaboración coa Confederación de Anpas Galegas, fixemos chegar outro comunicado onde expoñiamos unha serie de iniciativas e medidas destinadas a paliar as dificultades que teñen as familias e o alumnado polas desigualdades existentes en canto a disposición de información, recursos, acompañamento e apoio social, habilidades, atención á diversidade, fenda social e dixital, vulnerabilidade, etc.

En ambas comunicacións, quedabamos á súa disposición para colaborar en todo o que estivera na nosa man.

Na actualidade, 4 meses despois, seguimos á espera da resposta ou contacto por parte da Concelleira e atopámonos o pasado venres, 31 de xullo, coa resolución da posta en marcha da iniciativa ARCO, coa insuficiente contratación de 543 docentes a tempo parcial e a convocatoria dos Contratos-Programa, un instrumento de apoio aos centros para desenvolver un plan de mellora das competencias clave, da competencia socioemocional, da convivencia escolar, redución das taxas de abandono, promoción da igualdade e a inclusión, logro da excelencia educativa, así como da atención educativa para a compensación de desigualdades na educación.

Xustamente, un programa que, de novo, non é máis que unha resposta improvisada e non consensuada coa comunidade educativa, que só ven a seguir poñendo parches aos problemas estruturais existentes no sistema educativo.

A Educación Social xa está presente na escola realizando accións educativas de xeito individual ou grupal por varias vías, a través dos Servizos Sociais Comunitarios, coa incorporación dos programas de Educación Familiar e a través da contratación externa por parte dos Concellos, das ANPAS e dos propios centros educativos, levando a cabo programas socioeducativos de prevención, e sensibilización nos propios ámbitos que recolle a resolución.

O que o Ceesg ven reivindicando fai anos, e reforzando na actualidade, ante a situación socioeducativa que nos espera, é a incorporación da Educación Social de xeito normalizado no sistema educativo a través da contratación directa por parte da administración autonómica, como nos casos de comunidades como Estremadura, Castela A Mancha, Andalucía, Canarias e neste novo curso escolar, 2020/21, Cataluña.

Neste camiño, propoñemos,  a nivel autonómico, un proxecto piloto de incorporación da figura da Educación Social nos centros educativos, como recurso para a superación da situación da crise do COVID-19.

A Educación Social é a resposta idónea para completar a atención integral dos centros educativos, entendidos como espazos de aprendizaxe, socialización, convivencia e protección social.

A Educación Social é un DEREITO da cidadanía galega e como tal ten que ser garantido regulamentariamente.   

#SomosEducacionSocial

#EuQueroUnhaLeiGalegaDeEducaciónSocial 

Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia

*Resolución do 30 de xullo de 2020 pola que se regulan os contratos-programa dirixidos á mellora do éxito escolar nos centros docentes públicos de educación infantil, primaria e secundaria para o curso 2020/21.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.