Esgotadas as prazas para a ruta ornitolóxica “Voando nas Rías Baixas» pola Serra do Suído, nos concellos da Lama, Fornelos e Covelo

O roteiro guiado da Deputación de Pontevedra e SeoBirdLife desenvolverase este domingo, 6 de setembro, e será o último desta edición do programa

O programa de rutas ornitolóxicas “Voando nas Rías Baixas”, que a Deputación de Pontevedra desenvolve en colaboración con SEO Birdlife, segue colleitando éxitos tras esgotarse en apenas 24 horas as quince prazas dispoñibles para o súa quinta e última saída desta edición, que conta tamén cunha lista de agarda doutras vinte persoas. A ruta levarase a cabo este próximo domingo, 6 de setembro, e achegará ás persoas participantes ata a Serra do Suído, que se estende polos concellos da Lama, Fornelos de Montes e Covelo.

A Serra do Suído é un sistema montañoso que non deixa indiferente a quen a visita. Cun alto valor ecolóxico, esta serra pontevedresa é famosa pola presenza de exemplares de lobo ibérico e de aves rapaces, coma o voitre leonado, a aguia calzada ou o miñato. Amais, sobre as pendentes de monte baixo as persoas participantes tamén poderán contemplar o voo da tartaña cincenta e a gatafornela. A Serra caracterízase polos altiplanos nos que abundan as queirogas, toxos e carqueixas e as súas partes baixas teñen fermosos vales e cursos de auga, que discorren entre bosques autóctonos ben conservados.

Estas rutas están a realizarse seguindo protocolos de seguridade e hixiene para facer fronte á crise xerada pola Covid-19. Deste xeito, foi reducido o aforo de 25 a 15 participantes e establécense diferentes normas para os inscritos que inclúen o distanciamento interpersoal ou a limpeza e hixiene (deberán levar máscaras e xel hidroalcólico). A Deputación pon a disposición das persoas participantes buses desde Pontevedra, co punto de encontro no Pavillón de Deportes ás 9 horas. No caso de que se despracen polos seus propios medios, este punto de encontro situarase na Praza do Concello da Lama, ás 10 horas.

Esta é a derradeira das rutas programadas nesta terceira edición de “Voando nas Rías Baixas”, que neste 2020 pasou pola Enseada de San Simón, o Complexo Intermareal Umia-O Grove, o Esteiro do río Miño e as Brañas de Xestoso. O programa está enmarcado no seo das propostas lanzadas ao abeiro do Plan Estratéxico de Turismo para sensibilizar á poboación, internacionalizar e desestacionalizar o destino provincia de Pontevedra. Con el, a Deputación de Pontevedra aposta pola promoción do turismo ornitolóxico, un turismo sostible e respectuoso co medio.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.