Francisco Jorquera chama a “redobrar as presións políticas” sobre Manila para que se xulgue os asasinos de Diego Bello

O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, rexistrou unha pregunta por escrito ao Goberno Local a medio da cal interpela o executivo coruñés sobre que accións vai emprender á vista do informe emitido pola Comisión de Dereitos Humanos en relación ao asasinato de Diego Bello.

Este órgano constitucional do  arquipélago asiático, independente do goberno de Rodrigo Duterte, realizou unha investigación cuxa conclusión básica é que a policía “disparou deliberadamente a matar” contra Diego Bello, o que fai desta acción unha “execución extraxudicial”. O informe non acha ningunha proba que dea verosimilitude á versión policial sobre os feitos.

Agora Jorquera quere saber se o Goberno Local é coñecedor dos contidos deste informe e pídelle que faga novas xestións perante o Goberno do Estado para este presionar politicamente a Manila. O obxectivo, que o crime non fique impune e os responsábeis do asasinato sexan xulgados.

“Non considera o Goberno Municipal que os contidos deste informe corroboran o sostido desde un principio por familiares e amizades de Diego, quen denunciaron en todo momento que a súa morte foi unha ‘execución extraxudicial’, un auténtico asasinato, pois, como sinala textualmente o informe, “a policía disparou deliberadamente a matar’?”, inquire Jorquera.

A iniciativa do BNG achega como apéndice documental o texto do informe da Comisión de Dereitos Humanos de Filipinas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.