Gonzalo Caballero mantivo unha xuntanza con REDE, a asociación que integra a familiares de usuarios das residencias de maiores

O voceiro parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, á fronte dunha delegación de deputados socialistas, mantivo hoxe unha xuntanza con REDE, a asociación que integra a familiares de usuarios das residencias de maiores, e trasladoulle “todo o apoio” ás súas demandas.

En concreto, os familiares requiriron que a Xunta “mellore os rateos de persoal” nas residencias, a fin de “humanizar” o trato que se lle dá aos nosos maiores e de que sexan atendidos “axeitadamente” nestes centros.

Así mesmo, o Grupo Parlamentario Socialista apoiou a súa demanda de que a administración autonómica desenvolva uns protocolos que permitan as visitas dos familiares ás residencias en condicións de seguridade.

Pola súa banda, o presidente de REDE, Paulino Campos, amosou a súa “preocupación” ante o “desleixo” da Xunta á hora de cumprir coas súas competencias nas residencias de maiores, posto que constataron “unha falta de avance” ao longo destes meses.

Ademais, un día despois de que o propio Gonzalo Caballero anunciara a petición dunha comisión de investigación sobre o acontecido nos centros de maiores de Galicia durante a primeira vaga da covid, hoxe transmitiulle aos membros de REDE que manterá esa liña de traballo, acorde co comprometido durante a campaña electoral.

XUNTANZA

Na xuntanza participaron, xunto con Gonzalo Caballero, os deputados socialistas Pablo Arangüena, Marina Ortega e Isaura Abelairas, ademais de varios membros da directiva de REDE entre os que se atopan familiares de vítimas mortais por covid nas residencias.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.