Inquedanza na Terra Cha por un brote de COVID-19. Por Gonzalo Soto

Tres traballadores temporeiros nunha das explotacións de arandos e fresas emprazada en O Arneiro (Cospeito), pertencente á zona regable da antiga obra de colonización agraria levada a cabo nos anos cincuenta polo INC deu positivo nas probas de Covid-19, quedando illados ao redor duns cincuenta xornaleiros de dita explotación, pendentes das correspondentes probas. O alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado (PP) en declaracións a EFE pide prudencia para evitar alarmismo á poboación; comunicándolle igualmente a este medio que están pendentes de probas de PCR, non pronunciándose ao respecto.

Malia a que ditas explotacións se atopan emprazadas nos concellos de Cospeito e Begonte, a maioría dos traballadores viven en Castro de Ribeiras de Lea –Castro de Rei-, localidade que de confirmarse este brote , sería a máis perxudicada, xa que é onde viven e desenvolven a súa vida ordinaria, motivo polo que a preocupación é motivada.

Este fin de semana coincidían as festas patronais en honor a San Roque e Dulce Nombre de María nesta vila Chairega, suspendidas coma noutros lugares de Galicia. Estiven alí en vivo e en directo, non de festa, pero coma moitas outras veces compartindo o día con grandes amigos e veciños desta zona. O ambiente era o  dun día normal. Que diferencia aos dos outros anos! As rúas ateigadas de festeiros e ambiente de lecer. É a traxedia que nos tocou vivir.

Aproveitando esta visita e tendo en conta que xa se comentaba este feito, 21 Noticias contactou con algúns veciños e veciñas para coñecer a súa opinión ao respecto, e tamén do fenómeno que supón esta nova actividade agraria para esta zona eminentemente gandeira, así como as condicións nas que vive o colectivo de temporeiros, moitos deles de orixe africano. Teño que dicir que non foi doada a información requerida, e os que decidiron falar fixérono con moitas reservas, incluso advertíndonos que non saíra o seu nome e imaxe, cousa que respetamos, aínda que recoñecemos e constatamos a existencia de perxuízos e intereses que condicionan a libre opinión e expresión da cidadanía, algo que deberiamos ter superado en pleno século 21. Non é así, pero a información debe superar este tipo de cousas.

Dicíanos unha muller de Castro que cando chegou esta empresa do Sul á vila, creáronse unhas expectativas sobre todo de cara ao consumo e aluguer de inmobles, algúns propietarios de establecementos e edificacións en desuso viron a oportundade lexítima de negocio, feito que nalgún caso se fíxo realidade. Pregúntolle, se lle constan as condicións de habitabilidade destes inmobles, dime que non, pero que polo aforo que se ve na rúa, deben vivir moitos xuntos, feito no que coinciden outras fontes. De confirmarse estes comentarios, o Concello de Castro de Rei debería dar as explicacións pertinentes, sobre todo no referido a licenzas de primeira ocupación e condicións de habitabilidade destes inmobles. Estaremos pendentes delo.

Sen pretender prexulgar sobre presuntas responsabilidades atribuibles a este caso en concreto. Nembargante, este tipo de feitos debería, cando menos, facernos reflexionar en clave solidaria de como se está a tratar a este tipo de traballadores temporeiros. Sí, eses seres humanos que grazas a eles podemos mercar e consumir todos os días as froitas e hortalizas necesarias para a satisfacción das nosas necesidades vitais. Un labor, sen dúbida, de utilidade pública e interese social que deberiamos protexer con máis consideración, evitando aproveitarse da vulnerabilidade de  xentes que xeralmente veñen de zonas deprimidas onde as necesidades se impoñen aos seus dereitos. Disto ás galegas e galegos sóbranos experiencia.

Por favor, non caíamos na tentación de criminalizalos e colaboremos para evitar que isto suceda.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.