Instalados 11 paneis explicativos na Serra do Xistral para sensibilizar na conservación da natureza

A iniciativa forma parte do proxecto europeo LifeInCommonLand liderado pola institución provincial e que ten como obxectivo a conservación e o aproveitamento sostible deste territorio protexido pola Rede Natura

O equipo técnico do proxecto LifeInCommonLand instalou na Serra do Xistral once paneis explicativos sobre a importancia destes hábitats naturais protexidos da Rede Natura e deste proxecto europeo de conservación da natureza e desenvolvemento rural que impulsa a Deputación de Lugo xunto coas universidades de Santiago e A Coruña.

Os carteis amosan aos visitantes deste espazo natural as singularidades de cada un destes montes comunais, ademais de explicar a fauna e flora protexida e os tres eixes nos que se basea o proxecto LifeInCommonLand. En concreto, pretenden sensibilizar sobre a importancia de preservar as grandes masas do Xistral de turbeiras altas activas, turbeiras de cobertor e queirogais húmidos atlánticos, en risco de desaparición en Europa e de gran valor ecolóxico para a biodiversidade do Noroeste peninsular. Os paneis explican como a conservación das turbeiras reporta enormes beneficios á sociedade pola súa gran capacidade de almacenamento de CO2 para a loita contra o cambio climático.

Cada cartel inclúe un mapa de situación no monte veciñal dentro da ZEC Serra do Xistral e indican puntos de interese paisaxístico e o patrimonio natural e cultural da zona. Tamén explican o papel fundamental que xogan as comunidades de montes no mantemento do bo estado de conservación destes hábitats e a importancia do mantemento das actividades agrogandeiras tradicionais, como a gandería extensiva de gando vacún e o manexo e coidado dos cabalos salvaxes nos montes, fundamentais para a preservación destes ecosistemas.

Os paneis colocáronse en zonas de paso transitadas e cruces de camiños con vistas panorámicas da Serra do Xistral. En concreto, situáronse nos montes que xestionan en man común as asociacións veciñais e comuneiros que participan activamente neste proxecto e que son: A Balsa, Silán e Tenente e Xistral, no concello de Muras; Boimente, en Viveiro; Laxa Moura, en Xove; Miñotos, en Ourol; Montouto, de Abadín; e Santo Tomé de Recaré, Vilacampa, Cadramón e Frexulfe, no Valadouro.

A Deputación de Lugo lidera este pioneiro proxecto europeo no Xistral co obxectivo de demostrar que é compatible a conservación dos hábitats naturais das zonas de especial protección ambiental co aproveitamento do medio rural e o desenvolvemento económico sostible. As comunidades veciñais están a redactar proxectos de ordenación forestal co asesoramento técnico do equipo técnico do proxecto e recibirán pagos económicos dacordo aos niveis acadados de preservación destes hábitats. A institución provincial impulsa esta iniciativa para ofrecer solucións ás limitacións da Rede Natura 2000 no aproveitamento do territorio e contribuír a fixar poboación no rural.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.