Jorquera: “Feijóo admite que a situación na área da Coruña é preocupante, mais logo non esclarece que vai facer en uso das súas competencias”

O portavoz do BNG en María Pita reprocha o presidente da Xunta que non esclareza que vai facer para reforzar a atención primaria, despregar unha adecuada rede de persoas rastrexadoras e realizar un cribado masivo de PCRs

O portavoz do BNG no Concello da Coruña, Francisco Jorquera, considera que na súa comparecencia deste mércores o presidente da Xunta perdeu unha boa oportunidade para explicar que está disposto a facer, en uso das súas competencias,  exclusivas en materia de saúde pública, para facer fronte á Covid-19  na área sanitaria da Coruña.

“Como acostuma facer, Feixóo dedicouse a descargar as responsabilidades nos demais. Nas cidadás e nos cidadáns, nos concellos, nas policías locais. Mais en ningún momento esclareceu que fai facer no exercicio das súas competencias. Que vai facer para reforzar a atención primaria, clave no combate contra a enfermidade. Que vai facer para aumentar o número de persoas rastrexadoras. Que vai facer para realizar un cribado masivo de PCRs de maneira que podamos ter unha fotografía máis exacta do espallamento do virus. Ou sexa, Feixóo en estado puro, fuxindo das súas responsabilidades e facendo de comentarista do que fan os demais”, avalía Jorquera.

“Feixóo admite que a situación é preocupante, que pode estar habendo transmisión comunitaria, pero ao mesmo tempo non anuncia medidas novas para lidar con este grave problema”, engade o voceiro nacionalista.

“Hai que pór o acento”, salienta Jorquera, “en que o fundamental neste momento é reforzar a atención primaria, o fundamental é que ten que haber test masivos, que ten que haber máis rastrexadores. Todo isto é o que ten que facer a Xunta de Galiza e non o está a facer”. “O BNG exixe ao presidente do executivo galego que exerza de tal, que asuma plenamente as súas responsabilidades”, conclúe.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.