Luz verde ao plan de choque de limpeza no Concello da Coruña

A Xunta de Goberno local deulle luz verde esta mañá á sinatura dun convenio coa Deputación para que a empresa Tragsa sexa a encargada de realizar, con carácter de urxencia, labores de limpeza viaria na cidade, por un importe de 255.984 euros nunha primeira fase

Co fin de mellorar as condicións de salubridade da cidade e garantir as medidas sanitarias fronte á Covid-19, para lograr que A Coruña sexa unha cidade segura desde o punto de vista sanitario, o Goberno local decidiu sacar adiante “un plan de choque de limpeza” a través deste convenio, á espera de que no mes de outubro se inicie a execución do novo contrato.

Os traballos de limpeza nesta primeira fase centraranse principalmente no baldeo con desinfección das vías públicas, nas actuacións máis urxentes en prazas, vías e parques infantís, así como na recollida de residuos en lugares concretos que se converteron en puntos negros por falta de hixiene.

O equipo de reforzo centrará o seu labor nas prazas nas prazas de Lugo, Pontevedra, Vigo e Galicia, o centro urbano e o Paseo Marítimo, así como nos barrios de maior densidade de poboación (Monte Alto, Matogrande ou Agra do Orzán). Contará con 3 camións cisterna, 3 baldeadoras e 4 vehículos lixeiros. Os traballos realizaranse nunha única quenda de mañá, de 7.00 a 15.00 horas, de luns a venres, nun prazo de catro semanas.

A concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, destacou que a elección destes barrios responde a un estudo realizado polo persoal técnico, que acredita que estas zonas contan cun maior número de puntos de suciedade e insalubridade con respecto a outras. “Trátase dunha primeira fase; os labores de limpeza do resto dos espazos e barrios da cidade proseguirán xa coa nova empresa de limpeza, que seguirá o mapa elaborado polo persoal técnico”, dixo Fontán.

A edila lembrou que “a Covid-19 segue entre nós, como demostran estes brotes controlados que estamos a padecer estes días, polo que este plan tamén pretende responder a unha situación de salubridade e hixiene absolutamente necesarias neste momento”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.