Medio Rural da Deputación de Lugo lanza o programa “O Que Non Arde” dirixido aos concellos que actúan en prevención de incendios

A deputada nacionalista responsable de Medio Rural da Deputación  de Lugo, Mónica Freire Rancaño, presentou este martes o plan de axudas ao mantemento de faixas de biomasa “O que non arde” para este ano 2020 na súa primeira convocatoria

O programa “O Que Non Arde” servirá de apoio aos concellos da provincia que velen polo cumprimento da normativa de prevención e defensa dos lumes forestais mediante plans de xestión e mantemento das faixas secundarias de biomasa e faixas laterais das redes viarias municipais.

O programa artéllase arredor de dous eixos :

– O eixo nº 1 está dirixido ao fomento da prevención dos incendios forestais, facendo fincapé na roza de masas forestais, matogueiras e outras formacións espontáneas, nas faixas de laterais da rede viaria municipal.

– O eixo nº 2 está destinado ao mantemento da rede de faixas de xestión de biomasa fomentando a adquisición de  plántulas de especies arbóreas autóctonas.

Trátase dun programa de axudas, ao que Oliver Laxe presta a súa imaxe, e que se implementará a través de convenios interadministrativos de colaboración entre o ente provincial e aqueles concellos que cumpran tódalas disposicións normativas vixentes a día de hoxe en relación á prevención de incendios.

As solicitudes de colaboración presentaranse de forma telemática a través da sede electrónica: http://sede.deputacionlugo.org ou a través de calquera das formas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas ata o día 31 deste mes de agosto.

O programa contará cun orzamento inicial de 60.000 €.

Colaboración cos concellos

A deputada nacionalista sinalou que “o programa pretende mitigar a orfandade na que sumiu a Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia a todos os concellos galegos ao obrigalas a asumir as competencias de vixilancia sobre o cumprimento da Lei de incendios, sen habilitar medios ou recursos para executalas”.

Freire Rancaño referiuse así á Instrución 1/2018 que obriga ás entidades municipais a asumir as competencias de vixilancia sobre o cumprimento da Lei de incendios  no ámbito das redes de faixas secundarias de xestión de biomasa (nunha franxa de 50 metros); arredor das edificacións, vivendas illadas, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras, parques e instalacións industriais situadas a menos de 400 metros do monte; arredor das edificacións illadas en solo rústico situadas a máis de 400 metros do monte; así como nas faixas perimetrais de 50 metros arredor das novas instalacións destinadas a explotacións agrícolas, gandeiras e forestais.

“O que non arde” é o primeiro programa impulsado pola Deputación de Lugo neste ámbito. Trátase dunha iniciativa pioneira e prioritaria dentro das liñas de traballo que se desenvolverán ao longo da lexislatura.

“Nesta primeira edición o orzamento inicial é de 60.000 euros que se irán incrementando progresivamente en futuras anualidades, a medida que se vaian adherindo ao programa aqueles concellos que cumpran os requisitos e que o soliciten á área de Medio Rural da Deputación. Temos previsto tamén incorporar novas liñas de axuda en edicións posteriores, orientadas á promoción de actividades silvopastorís con gandería extensiva que contribúan a reducir o risco de lumes pola elevada cantidade de biomasa existente nos nosos montes”, engadiu a deputada mariñá.

Os concellos que cumpran os requisitos, poderán solicitar a colaboración ata finais deste mes de agosto, e para elo, farán unha solicitude formal, onde incluirán as accións a executar de forma valorada. As solicitudes serán valoradas por unha comisión técnica formada por persoal do servizo de Medio Rural, que terán en conta a calidade técnica do proxecto presentado, e criterios obxectivos como poboación afectada, número de núcleos nos que se intervén e superficie afectada.

“Lugo é unha provincia moi heteroxénea con municipios con configuracións e necesidades diferentes por iso formulamos o programa dunha forma versátil, facilitando que cada concello deseñe e propoña as solucións que considere máis acaídas”, apuntou Freire Rancaño.

Oliver Laxe, imaxe do programa

O programa de axudas conta co alento de Oliver Laxe, quen se amosou moi ilusionado coa decisión de bautizalo con ese nome. O recoñecido artista e cineasta, que se estableceu na parroquia de Vilela (Navia de Suarna) para traballar en proxectos vinculados ao desenvolvemento rural, entende que se trata  “dunha iniciativa moi interesante para o fomento do desenvolvemento económico e social da provincia e acadar unha fixación real de poboación no noso rural, como a presente que incide na prevención dos lumes fronte aos gastos insostibles en extinción”.

O cineasta considera que “son moi necesarias medidas que incentiven o mantemento de superficie agraria útil e a recuperación de zonas de monte abandonadas ou improdutivas, e que motiven á xente moza a ser valentes e emprender novos proxectos modernos e innovadores coa gran potencialidade produtiva que contamos no noso país”.

A área de Medio Rural e Oliver Laxe anticiparon a súa intención de iniciar colaboracións futuras para levar á práctica medidas encamiñadas ao desenvolvemento rural na zona de montaña dos Ancares lucenses.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.