O 80% das persoas que conforman a bolsa de voluntariado de COGAMI ten discapacidade

Perfil da persoa voluntaria en COGAMI: muller con discapacidade e con idade entre os 20 e 40 anos

Dende finais do ano 2001, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) conta cun servizo de voluntariado que promove a participación da sociedade en asuntos de interese xeral, co fin de erradicar situacións de discriminación de cara ao grupo social das persoas con discapacidade.

Cunha bolsa que contempla actualmente as 1.104 persoas inscritas como voluntarias, sendo mulleres o 65% e con idades entre os 20 e 40 anos, dende COGAMI foméntase a participación en igualdade de condicións de todas as persoas para que exerzan os seus dereitos como cidadanía de pleno dereito. A Organización pon o foco en que son moitas as persoas con discapacidade que realizan voluntariado, como reflicte a súa bolsa: o 80% das persoas que ten inscritas conta con certificado de discapacidade.

“As persoas con discapacidade non só podemos ser receptoras de accións voluntarias, nós tamén realizamos voluntariado en entidades e non só específicas de discapacidade, senón tamén noutras organizacións como poden ser educativas, medioambientais ou deportivas”, indica o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, quen engade tamén que “debemos poñer sempre o foco nas capacidades das persoas, independentemente da súa condición”.

Acompañamentos dentro e fóra do domicilio, participación en actividades de lecer, apoio en actividades de rehabilitación ou educativas, reforzo de habilidades sociais, charlas de sensibilización ou participación en campañas de concienciación dirixidas á xente nova sobre prevención de lesións medulares son algúns dos programas de voluntariado levados a cabo por COGAMI durante o ano, se ben este, debido á pandemia do COVID-19, tivéronse que suspender estas actividades no mes de marzo, data do confinamento.

“É moi necesario contar co voluntariado nas nosas organizacións porque serve para potenciar as capacidades das persoas e fomentar a autonomía e a independencia a través dunha participación activa na nosa contorna. A persoa voluntaria contribúe ao cambio social”, explica Anxo Queiruga. A propia Organización destaca como beneficios a adquisición de valores como a solidariedade, a atención á diversidade, a responsabilidade e o compromiso, incidindo tamén na activación da motivación nas persoas que realizan voluntariado.

Campaña 12 Chaves da Inclusión: voluntariado

COGAMI continúa coa campaña 12 Chaves da Inclusión na que fala de dereitos e que neste mes de agosto dedica ao Voluntariado, como o exemplo da participación da sociedade civil en asuntos de interese xeral, sobre todo, naqueles que erradiquen situacións de

discriminación.

Co fin de conmemorar os trinta anos de traxectoria, a través das 12 Chaves da Inclusión COGAMI quere sensibilizar sobre os dereitos básicos e fundamentais de todas as persoas coa difusión de 12 pezas audiovisuais que se difunden en redes sociais co hashtag #30AniversarioCOGAMI. Podes ver o vídeo dedicado á chave de voluntariado neste enlace: https://youtu.be/2_ohph_Pj4A

Para o mes de setembro a chave virará para falar de turismo, lecer e deporte mentres que en outubro dedicará o mes ao movemento asociativo, novembro á infancia e xuventude para finalizar o ano falando de dereitos no mes de decembro. Outros dereitos abordados durante o ano foron: a educación inclusiva, a autonomía persoal, as mulleres e nenas con discapacidade, a saúde, o emprego, a economía social e a accesibilidade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.