O BNG de Oleiros denuncia que “os recortes da Xunta nos centros de saúde do municipio tamén afectan os servizos de limpeza”

No Centro de Saúde de Santa Cruz só está prestando servizo neste momento unha traballadora cunha xornada parcial partida 

O BNG de Oleiros apoia e fai propias as denuncias feitas onte públicas polo goberno municipal da Alternativa dos Veciños sobre a precariedade no servizo médico de atención primaria que están a prestar neste momento os centros de saúde do municipio, singularmente no caso do Centro de Saúde de Santa Cruz e tamén no PAC de Urxencias, situado na mesma localidade.

O Bloque denuncia, á súa vez, que os recortes en persoal que aplica o goberno da Xunta do Partido Popular nos centros de saúde oleirenses tamén está a afectar o servizo de limpeza destas instalacións, tan importante nun momento epidemiolóxico como o que estamos a vivir, no que urxe extremar todas as precaucións e máis aínda cando se están a producir novos surtos da COVID19 e poden acudir doentes que porten o virus, mesmo asintomátic@s.

Se ao comezo da pandemia no Centro de Saúde de Santa Cruz o servizo de limpeza das instalacións estaba conformado por dúas persoas con xornada laboral completa, unha en horario de mañá e outra en horario de tarde, neste momento dito servizo é prestado por unha única traballadora con xornada parcial partida. O mesmo recorte de persoal afecta ao PAC, cun horario de atención continuado mesmo en horario nocturno. Cómpre lembrar que este PAC atende a demanda poboación de todo un municipio, Oleiros, que nesta época do ano multiplica a súa poboación residente.

O BNG relanzará en setembro as súas iniciativas no Parlamento de Galiza para unha atención médica digna  

A formación nacionalista na localidade ten denunciado en diferentes ocasións nos últimos anos a precariedade con que se están a prestar determinados servizos, impropios dun concello co noso peso poboacional: falta de cobertura por parte do SERGAS de baixas, vacacións e xubilacións d@s profesionais, que acrecentan as listaxes de agarda até darse situacións de esperas dunha semana para unha cita médica; retrasos na apertura de cupos en atención primaria, que teñen obrigado veciñas e veciños a “peregrinar” a centros de saúde máis afastados do seu lugar de residencia; inexistencia de certas especialidades, como a de Psiquiatría, que obrigan a doentes con necesidades especiais de seguimento médico a terse que trasladar a outros municipios; falta de persoal de enfermaría en centros como o Consultorio de Mera, cunha única profesional para atender a totalidade do cupo deste centro.

Mención especial merece a xa moi prolongada situación de precariedade no tempo que padece o servizo de pediatría, que se presta nos centros de saúde de Perillo e Santa Cruz e, parcialmente, uns días á semana, no Consultorio de Mera, atendido por unha das profesionais de Santa Cruz. O BNG ten denunciado, facéndose eco das reclamacións de varias familias, que cando esta pediatra está de baixa ou de vacacións a localidade de Mera queda sen pediatra, mesmo en época de verán, o momento do ano no que máis poboación reside na zona norte do municipio, a área que cobre este centro.

O BNG seguirá tamén reivindicando dotar dunha praza estábel de pediatría o Centro de Saúde de Oleiros, na Covada. O da capital municipal é o único do municipio que non conta cun servizo destas características nin sequera unhas horas á semana a pesar do aumento da poboación rexistrado nos últimos anos pola área que atende este centro médico.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.