O Camiño da Ría Muros Noia preséntase oficialmente á Consellería de Cultura e Turismo

A presidenta da entidade, Teresa Villaverde, mantivo un encontro con conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, para dar conta da creación da asociación e coñecer os avances no recoñecemento da ruta como itinerario cultural xacobeo

A recentemente nomeada presidenta da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia, Teresa Villaverde, mantivo un encontro co conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, co obxectivo de achegarlle de primeira man os obxectivos e o plan de accións previsto para 2020 por parte da nova entidade, integrada polos 9 concellos polos que discorre este camiño: Ames, Brión, Lousame, Muros, Noia, Outes, Porto do Son, Rois e Santiago de Compostela.

O conselleiro recibiu moi positivamente os avances na organización e dinamización deste itinerario que aspira ao seu recoñecemento como itinerario cultura xacobeo coincidindo coa celebración do vindeiro Ano Santo, en 2021. Neste sentido, Teresa Villaverde achegoulle ao titular de Cultura e Turismo a firme vontade tanto dos concellos que integran a Asociación coma dos colectivos vencellados á cultura xacobea do territorio da Ría da Estrela de seguir avanzando no desenvolvemento, defensa e promoción deste itinerario xacobeo .

O encontro tamén serviu para dar conta a Román Rodríguez da xuntanza mantida co Arcebispado de Santiago de Compostela, que tamén acolleu moi positivamente tanto o estudio sobre a historicidade deste camiño como as propostas para materializar un itinerario cultural que recolla as localizacións de fitos xacobeos no percorrido desta ruta, que son moi abundantes, tal e como se recollen nos estudos levados adiante neste proceso de oficialización do Camiño da Ría Muros Noia.

Pola súa banda, o conselleiro Román Rodríguez aproveitou o encontro para informar á presidenta de que a Dirección Xeral de Patrimonio está avaliando tamén o informe achegado sobre a historicidade do Camiño, un informe que Rodríguez valorou positivamente no impulso que as diferentes entidades e colectivos da Ría da Estrela están a facer para o recoñecemento do Camiño como itinerario cultural, primeiro paso para o seu recoñecemento como camiño de peregrinación.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.