O Festival Noroeste Estrella Galicia comeza hoxe a súa 34 edición

O acontecemento conta cun protocolo de prevención da COVID-19. No escenario Jaime Manso (Santa Margarida) actúan Laura Lamontagne + PicoAmperio e DL Blando, mentres que no Nonito Pereira (María Pita), Cloaca e Triángulo de Amor Bizarro

Despois duns meses marcados pola incerteza por mor da COVID-19, parece que hai feixes de luz que insisten en abrirse camiño. Un deles é o Festival Noroeste Estrella Galicia que, un ano máis, encherá de música o verán coruñés. A primeira das tres xornadas do evento será este venres (7 de agosto). As entradas para os catro concertos do venres agotáronse o día que se puxeron á disposición do público en dúas horas. No caso do espectáculo de Triángulo de Amor Bizarro o sold out alcanzouse en minutos.

Esta nova edición (a 34, nin máis nin menos) estará marcada polas medidas sanitarias para facer fronte á situación que estamos a vivir. O Festival Noroeste Estrella Galicia conta cun protocolo de prevención da COVID-19 que debera ser respectado escrupulosamente polo público asistente.

O acceso aos concertos será de balde, pero a través de invitación nominal que se vén expedindo desde 48h antes dos eventos de xeito dixital a través da web: www.festivalnoroeste.com. As persoas que reserven o seu asento na plataforma habilitada a tal efecto nesa dirección, contarán cun código QR que lles dará acceso aos concertos desde 30 minutos antes da súa celebración. Desde a organización pídese que o público so reserve a súa localidade se está certo de poder acudir ao espectáculo. Doutro xeito, estase privando a outra xente a gozar dos concertos.

O público deberá ter posta máscara durante todo o espectáculo e respectar a distancia de seguridade marcada entre localidades (a excepción de persoas con mobilidade reducida ou que por motivos similares precisen acompañante).

Os recintos que acollerán os espectáculos despexaranse entre concerto e concerto para proceder á desinfección de elementos como os asentos.

Homenaxe a Jaime Manso e Nonito Pereira

Nesta edición é novidade contar con dous escenarios con nome propio: o Nonito Pereira, situado na praza de María Pita, e o Jaime Manso, con sede no Parque de Santa Margarida.

Os nomes non son casualidade, senón que corresponden a dous importantes persoeiros da industria musical coruñesa que nos deixaron o pasado 2019 e cuxas figuras o Concello da Coruña quere homenaxear deste xeito.

Triángulo de Amor Bizarro presenta novo traballo ao público galego

No primeiro dos escenarios comezará o dúo Cloaca ás 20:00 horas, que subirá dende o subsolo coruñés para ateigar a praza de garage punk e dunha cruenta enerxía lírica e instrumental. A actuación servirá para abrir boca do que a banda está a preparar: un LP que se chamará Miedos, vicios y otros orificios.

Inmediatamente despois das labores de hixiene que seguirán a cada concerto, poderase ver ás 22:30 horas a un dos pratos fortes desta edición: Triángulo de Amor Bizarro. A banda de orixe coruñesa postúlase coma unha das máis recoñecidas na escena independente iberoamericana e porá sobre as táboas asentadas en María Pita o seu novo traballo de título homónimo lanzado durante o confinamento. Falan do LP coma o traballo que define a causa de que dediquen a súa vida á música. O público do Noroeste Estrella Galicia será o primeiro en escoitar este traballo ao vivo en terras galegas.

Música urbana e trip-hop, no Parque de Santa Margarida

A xornada avanzará en paralelo no escenario situado en Santa Margarida, sendo este inaugurado pola luguesa Laura Lamontagne ás 20:00 horas. A artista galega, tremendamente ecléctica, presentará xunto con PicoAmperio a súa proposta enmarcada dentro dun estilo independente dominado polo trip-hop e unha vertente neo-medieval.

Os amantes da música urbana estarán de noraboa, xa que ás 22:30 horas saltará ao escenario DL Blando, un dos expoñentes deste xénero a nivel nacional. O artista inundará a cidade coas súas letras dominadas pola nostalxia e a escuridade que van da man da súa carreira. O coruñés será xunto con Triángulo de Amor Bizarro o encargado de pechar esta primeira xornada do Festival Noroeste Estrella Galicia que, un ano máis, demostra que chegou á cidade da Coruña para quedarse.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.