Os socialistas de Antas de Ulla convocan un pleno extraordinario para “evitar a perda de máis servizos esenciais no concello”

A Voceira Socialista esixe que se cubran as prazas do centro médico, melloras para a escola infantil, e que busquen solucións para a atención da oficina de Abanca

A Voceira Socialista en Antas de Ulla, Pilar García Porto anunciou que rexistrou unha solicitude de pleno extraordinario “ante a perda de servizos esenciais que están sufrindo as veciñas e veciños de Antas de Ulla. O Concello non pode seguir de mero observador diante deste panorama, ten que mover ficha e esixir servicios e persoal para atender as carencias que sofre a vila”, advertiu.

Pilar García Porto referiuse en primeiro lugar “á carencia de médicos no centro de saúde, xa que na actualidade só hai un facultativo para atender á toda poboación. En Antas de Ulla agora mesmo só hai unha doutora para atender aos pacientes que acoden á consulta, e tamén para atender ao mesmo tempo ás consultas nos domicilios particulares, así como as urxencias que xurdan. Polo tanto, si o sanitario ten que saír do centro de saúde para atender unha emerxencia nun domicilio o centro de saúde queda completamente desatendido. Non podemos consentir que recorten servizos”.

Nesa liña lembrou que os últimos meses do ano pasado a veciñanza de Antas de Ulla xa conviviu con esta mesma situación de precarización da atención sanitaria no centro de atención sanitaria, “e agora repítense os feitos”. Por iso advirte que “tanto o Alcalde como Sergas son perfectamente coñecedores desta situación, xa que pouco antes das eleccións autonómicas visitaron as instalacións, despois do Pleno extraordinario convocado polos socialistas deste concello, e puideron comprobar in situ as evidentes mostras de deterioro deste inmoble”. Así as cousas ámbalas administración asinaron un protocolo para a construción dun novo centro sanitario, por iso García Porto aclara que “realizar un  novo centro médico non soluciona os actuais problemas de mantemento do edificio actual, nin tampouco solventa a falla de médicos que deixa a toda a veciñanza na máis absoluta desatención debido á precarización do servizo”.

A Voceira Socialista remarcou que Antas de Ulla conta cunha poboación altamente envellecida, como a maioría dos Concellos da provincia, e con 27 parroquias que atender “non pode ter un só medico no centro de saúde para atender aos preto de 2.000 veciños cos que conta o Concello”. Nesa liña esixiu ao Equipo de Goberno de Antas de Ulla que demande á Xunta “dotar ao centro do persoal sanitario necesario para atender aos usuarios con tódalas garantías”.

Escola Infantil

O Grupo Socialista tamén critica a situación da Escola Infantil de Antas de Ulla. “Xa denunciamos en diversas ocasións, a derradeira fai un ano, que os docentes comparten un só aseo cos alumnos (nenos de 0 a 3 anos), non hai patio exterior, unha única estancia para xogar, comer e durmir, un acceso con escaleiras e 2 portas a través dun pasillo do colexio”. Así as cousas advertiu que “agora é o momento de realizar as melloras que precisa este edificio para poder comezar o curso escolar con seguridade. Polo tanto o Grupo Socialista insta ao Concello de Antas de Ulla, e ao seu Alcalde como representante no Consello Escolar, a dar resposta ás demandas que existen, co fin de solventar a precariedade das instalacións e os locais da Escola Infantil”.

Oficina de Abanca

E por último demandan ao Alcalde que se mobilice diante dos recortes nos horarios da oficina de Abanca. “O Concello debe de solicitar de xeito urxente unha xuntanza cos responsables deste entidade bancaria para tentar reconducir a situación, co fin de que esta oficina volva a abrir ao longo de toda a semana, xa que actualmente só permanece aberta en horario reducido de 08.15h a 11.00h, de luns a venres e cun único empregado compartido con outra oficina”, replicou.

Segundo pleno extraordinario en 8 meses

García Porto lembrou que a segunda a petición de pleno extraordinario que realizan en 8 meses. “Ante a evidente desidia por parte do Alcalde e o seu equipo no relativo aos servizos básicos para a veciñanza, dende o Grupo Socialista imos seguir traballando e loitando por mellorar calidade de vida dos nosos veciños, non podemos consentir que perdamos máis servicios esencias. Antes xa foron o cuartel, a redución de horario e servizos na oficina de correos, a redución nos horarios de transporte público con Lugo, o que dificulta e encarece os desprazamentos para facer trámites administrativos, estudiar ou así como acudir a consultas médicas. E agora con servizos tan importantes como é a atención sanitaria ou a educación, mentres o Equipo de Goberno local mira cara outro lado. Queremos vivir e traballar en Antas de Ulla, pero coas mesmas oportunidades e servizos que o resto de concellos veciños”. E resumiu “en poucos anos vimos desaparecer servizos vitais para calquera persoa que viva aquí, non podemos consentir esta situación de abandono”, espetou.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.