Policía Local de Oleiros participa no sistema Vioxén, de loita contra a violencia de xénero

A ratificación da participación da Policía Local deste municipio no sistema Vioxén, de loita contra a violencia de xénero, foi acordada na Xunta Local de Seguridade reunida baixo a presidencia do alcalde Ángel García Seoane e a subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo. Na reunión tamén se tratou o incremento dun 25% da seguridade cidadá en Oleiros.

O protocolo de convenio para regular a presencia da Policía Local no sistema Vioxén foi asinado polo Alcalde e a Subdelegada e será remitido para validar ao Ministerio de Interior e así facer efectiva a participación neste operativo. Un paso adiante para unir esforzos na loita contra a violencia machista tras a creación da Mesa Local de Coordinación Policial na que están presentes a Policía Local e a Garda Civil.

A colaboración do Concello e do seu alcalde foi destacada pola Subdelegada do Goberno agradecendo os esforzos realizados nas políticas de loita contra a violencia de xénero aplicadas no municipio. Este esforzo culmina coa prórroga da participación da Policía Local no sistema de loita contra a violencia de xénero, o que permitirá un maior aproveitamento dos recursos na prevención deste tipo de violencia no ámbito local e dispoñer de máis información  sobre todos os casos activos de violencia machista, asumindo o seguimento e control dalgúns dos casos, xeralmente os de nivel de risco baixo, mentres que a Garda Civil encargarase dos máis graves.

A coordinación existente entre a Garda Civil e a Policía Local de Oleiros foi valorada positivamente en todos os ámbitos, especialmente na prevención e loita contra a violencia de xénero.

Por outra parte, foron analizados datos relativos á seguridade cidadá en Oleiros, comprobando que o índice de criminalidade descendeu aproximadamente nun 25% no primeiro semestre do 2020 en comparación co mesmo período do ano anterior. A razón deste descenso ten a ver co estado de alarma e o período de confinamento a causa do COVID-19. A previsión é continuar en descenso, mantendo a tendencia actual poderíase acadar a cifra de menos de 26 delitos por cada mil habitantes, cando en 2019 quedou fixado en máis de 34 delitos por mil habitantes.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.