Rayden inaugura mañán, 3 de agosto, o novo ciclo de música e humor Solpores no Lagoeiro

As verbas e rimas de Rayden abrirán mañá, luns 3 de agosto, a primeira edición do ciclo Solpores no Lagoeiro. O rapeiro e poeta madrileño será o responsable de inaugurar, ás 21.00 horas, a nova cita coa cultura ao vivo e a ceo aberto que impulsa A Casa do Lagoeiro na Estrada. As últimas entradas dispoñibles para este concerto a ceo aberto pódense adquirir a través do web www.enterticket.es.

Rayden é un dos músicos máis influíntes das novas xeracións. As súas creacións visceirais, sen etiquetas e que nacen dos sentimentos máis fondos fan que sexa, a todas luces, un dos artistas máis recoñecidos da escena actual. Este verán regresa aos escenarios con #LosNuevosAgostos, unha xira que, segundo o madrileño, será “non se ampliará nin repetirá”, con concertos íntimos e celebrados desde a proximidade, “por algúns dos recintos máis fermosos de España”. Nesta serie de actuacións, o autor de himnos como Haz de luz ou Matemática de la carne tamén dá conta de temas do seu novo EP, inspirado en La casa de papel, no que colaboran SFDK ou Nicole Zignano e Menend.

A apertura de portas deste concerto inaugural será contra ás 19.30 horas. Unha hora e media máis tarde, dará comezo o espectáculo. Ademais de Rayden, neste mes de agosto figuras de primeira liña da escena musical e humorística como Mikel Erentxun (xoves 13), Luis Piedrahita (venres 21), Marlango (domingo 23), Fredi Leis (xoves 27) e Tanxugueiras (domingo 30) actuarán no xardín da Casa do Lagoeiro, mentres que no mes de setembro será Xoel López en formato cuarteto (domingo 6) e o cómico Goyo Jiménez (sábado 12) quen visite o espazo, que abriu de novo as súas portas o pasado mes de xuño.

As entradas para os concertos de Solpores no Lagoeiro están dispoñibles desde este sábado, 1 de agosto, a través da plataforma www.enterticket.es, mentres que os billetes para as actuacións de Luis Piedrahita e Goyo Jiménez pódense adquirir, unicamente, de forma presencial nos seguintes recintos: A Casa do Lagoeiro e O Camiño (A Estrada), A Senra Café (Teo) e Ollo de Boi (Portonovo). Para todas aquelas persoas que non se poidan desprazar fisicamente a algún destes espazos, A Casa do Lagoeiro habilita un número de teléfono (690.212.767) para poder facer a reserva das mesmas.

SOLPORES NO LAGOEIRO
A Casa do Lagoeiro, situada na Estrada, propón este verán unha nova cita cultural coa idea de ofrecer, tanto á veciñanza da localidade pontevedresa como as visitantes, unha experiencia musical e humorística ao vivo, de proximidade e apegada á natureza. Cunha capacidade reducida, dun máximo de 220 asistentes por sesión, Solpores no Lagoeiro programa unha proposta singular na que pop, rock, rap, jazz e música tradicional galega conflúen ao solpor para que público e artistas poidan gozar, de novo, da cultura.

Toos os concertos e espectáculos de Solpores no Lagoeiro celebraranse no exterior da casa, nun xardín preparado especificamente para a ocasión e no que se darán todas as garantías de seguridade para poder gozar da iniciativa á vez que se cumpren os protocolos sanitarios. O espazo contará con indicacións para o tránsito e facilitará dispensadores de xel hidroalcohólico para as e os asistentes, que deberán levar mascarilla.
Unha vez no recinto, que abrirá sempre as súas portas cunha hora e media de antelación, o público sentarase en función dos convivintes ou unidade familiar. Cada grupo, respectando a distancia de seguridade de 1,5 metros, e contará cunha mesa na que o servizo do Restaurante do Lagoeiro servirá as bebidas. Ademais, todas aquelas persoas interesadas en probar os pratos da carta durante as actuacións, poderán facelo cunha reserva previa.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.