Revitalizar a Escola Municipal de Música da Coruña

Avia Veira advirte que o centro carece dun proxecto educativo claro e ve falta de impulso ao respecto na Concellaría de Educación

O BNG olla con gran preocupación desde hai tempo a deriva de precarización que está a atravesar a Escola Municipal de Música da cidade. Tal situación, trasladada ao Grupo municipal nacionalista por diferentes membros da comunidade educativa deste centro, no que cursan estudos unhas 600 persoas, motivou que o pasado mes de maio a concelleira Avia Veira dirixira ao goberno municipal unha batería de preguntas escritas.

Porén, a resposta do concelleiro de Educación Jesús Celemín a esta manchea de cuestións coa que a concelleira nacionalista buscaba coñecer a valoración do executivo de Inés Rey sobre o funcionamento da Escola e, sobre todo, os seus plans de futuro para ela, non puido ser “nin máis imprecisa nin máis decepcionante”. E é que o titular da área de Educación do goberno municipal limítase a un compromiso “declarativo” de “boas intencións” que, para as nacionalistas, en nada se corresponde cos feitos.

Unha das principais eivas que o BNG advirte na Escola Municipal de Música é a situación de interinidade que vén afectando o seu equipo directivo após a xubilación de quen foi o seu director durante 18 anos. O mandato da actual directora en funcións, por un ano, expira neste mes de agosto. E xorde aquí outro gran problema: ninguén na comunidade educativa da Escola sabe exactamente que vai acontecer, debido a que na práctica o Claustro non é tomado en conta nos procesos de escolla dos equipos directivos.

Ademais dunha efectiva falta de participación do profesorado, a ausencia dunha verdadeira democracia interna na organización e funcionamento da Escola Municipal de Música tamén ten orixinado, por exemplo, que o centro non conte cun Regulamento de réxime interno que recolla aspectos tan fundamentais como os dereitos e deberes do alumnado, do profesorado ou do persoal non docente ou, no plano laboral, que a Escola careza desde hai unha década dun Convenio colectivo.

Esta eiva entrecrúzase, por súa vez, cun problema de falta de definición dun proxecto educativo claro para a Escola Municipal de Música. E ambos os problemas derivan en falta de motivación do profesorado á hora de abordar novos proxectos ou nun abandono escolar que unha moi errática xestión durante o confinamento obrigatorio iniciado no pasado mes de marzo non fixo senón agravar.

Para o BNG non ten sentido ningún que a Escola Municipal de Música non conte con ningunha representación na Xunta de Goberno do Consorcio para a Promoción da Música, organismo do que porén depende. E a resposta de Jesús Celemín á pregunta concreta formulada por Avia Veira neste sentido non deixa lugar a dúbidas: o goberno municipal, sinxelamente, non o ten previsto; como se o Consorcio só xestionase a Orquestra Sinfónica de Galiza.

Fronte a este preocupante estado de cousas, o BNG defende con rotundidade a necesaria revitalización da Escola Municipal de Música, recuperando o espírito innovador e de vangarda co que naceu, desenvolvendo todo o seu gran potencial e valor pedagóxico, creando departamentos de ensino, promovendo a aprendizaxe da música nas idades máis temperás, preparando cunha atención de calidade as persoas que quixeren continuar os seus estudos musicais e acceder ao Conservatorio e diversificando as súas actividades mesmo como un efectivo método de divulgación da súa existencia no conxunto da sociedade coruñesa.

As nacionalistas entenden que neste proceso de revitalización é imprescindíbel que o goberno municipal “faga o seu traballo” e, a través do seu departamento de Educación, ocupe unha posición de diálogo e colaboración permanente coa Escola, activa e proactiva, e deixe de ser un simple convidado de pedra.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.