Sarria converteuse en centro de homenaxe ás vítimas do franquismo en Galiza

A área de Memoria Histórica celebrou esta tarde en Sarria un acto  de homenaxe ás vítimas do franquismo coincidindo co Día da Galiza Mártir. O deputado Efrén Castro e a vicepresidenta da Deputación Maite Ferreiro, acompañados polo alcalde de Sarria, Claudio Garrido, e outros cargos institucionais como o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, fixeron unha ofrenda floral no murallón da praza de Santa Mariña, a carón da placa que lembra aos tres concelleiros sarriaos asasinados tras o levantamento militar de 1936, Rogelio Tarí, Vicente Páramo e Pedro García.

Efrén Castro lembrou a historia da data, instituída pola comunidade galega no exilio en memoria de Alexandre Bóveda, fusilado na Caeira en Poio en 1936. “Bóveda morreu polo seu amor a Galiza e pola defensa de valores democráticos. A día de hoxe, a sentenza que o condenou a morte aínda segue sen ser anulada.  Isto danos mostra do moito que queda por avanzar no tocante á memoria histórica. Mentras as vítimas do franquismo seguen enterrados nas cunetas do noso país; os seus verdugos manteñen posicións de privilexio”, expuxo.

“No contexto politico actual, co auxe da extrema dereita en Europa e no Estado español, faise áinda máis importante celebrar actos de memoria para desmontar as mentiras daqueles que queren branquear o rexime franquista”, engadiu na Casa da Cultura, onde continuou o acto tra a ofrenda floral.

Conferencia e música na Casa da Cultura

O historiador Rafael García Ferreira, membro do grupo de investigación Histagra da Universidade de Santiago de Compostela, expuxo o relatorio “O golpe do 36: violencia e perspectiva nacional”, no que se detivo no uso da violencia por parte dos sublevados, que asasinaron e perseguiron a milleiros de persoas en Galiza por motivos políticos ou de non adhesión ao réxime que se pretendía construír. García Ferreira parouse nalgúns dos episodios e lugares da comarca nos que a represión foi máis cruenta como Paradela ou o Alto da Valiña.O historiador tamén incidiu nas consecuencias da vitoria dos sublevados para o nacionalismo galego, ferozmente perseguido polo movemento golpista.

O grupo Raiceira acompañou a intervención coa interpretación de dúas pezas do seu repertorio e unha arranxada para o acto: o romance do Comandante Moreno, que relata o asasinato de José Moreno Torres e doutros integrantes do Batallón Galicia no monte do Acevo.

Día da Galiza Martir

No acto tamén participaron representantes do Ateneo Galeguista de Lugo e doutras asociacións culturais da comarca, que coinciden na necesidade de recoñecer o 17 de agosto como Día da Galiza Martir.

A Fundación Alexandre Bóveda impulsa  o recoñecemento oficial desta data, instituída pola Irmandade Galega en Arxentina en 1942 por coincidir co fusilamento do político en 1936 e na que se lembra a todas as persoas represaliadas polo franquismo en Galiza e reclámase a reparación ás vítimas e as súas familias.

A iniciativa da área de Memoria Histórica converteu Sarria no centro de referencia das reivindicación do Día da Galiza Martir xa que boa parte dos actos programados para esta data noutros puntos do país foron suspendidos por mor do mal tempo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.