Unha rúa na Coruña para o gaiteiro Pepe Temprano

Músico de grande alento, quer como compositor quer como intérprete, Pepe Temprano foi unha referencia inescusábel da música popular galega na nosa cidade ao longo de practicamente as últimas seis décadas. Deixounos tristemente o pasado 25 de xullo, aos 80 anos de idade. O seu legado é inconmensurábel, tanto como enorme foi o seu activismo a prol da dignificación do noso folclore e da nosa cultura tradicional

A concelleira do BNG Avia Veira, ao abeiro do Regulamento para a concesión de honras e distincións, rexistrou no Concello unha iniciativa para unha rúa da cidade da Coruña leve o nome de Pepe Temprano. É o tributo máis que merecido “a toda unha vida dedicada á nosa música cunha traxectoria histórica de enorme calidade artística”

Aos 16 anos comeza a tocar a gaita e tamén o tambor. Xa moi novo, como parte dos Coros e Danzas da Sección Feminina da Coruña, deixase ver por palcos internacionais, a abraiar co seu talento o público de países como Francia, Holanda, os EUA, Canadá e México. “Segundo el mesmo dicía: ‘fun feliz coa gaita ao lombo’”, escribe Avia Veira na exposición de motivos desta iniciativa.

“Home polifacético onde os houber”, esténdese a concelleira nacionalista, Pepe Temprano tamén foi actor, chegando a rodar unha trintena de anuncios publicitarios”.  Non fica a cousa aí: “Era tamén un coleccionista nato e atesourou unha das coleccións quer discográficas quer de instrumentos máis extensa de Galiza”. A súa casa era un auténtico museo: “Trompas de Mongolia, dulzainas de Nafarroa, tallados de Polonia…”.

En vida tivo tamén distincións como a que en 2017, en forma de Medalla de Prata Marcial del Adalid, lle concedeu a Real Academia Galega de Belas Artes. É hora de completar o tributo cunha rúa que honre a súa memoria.

Foto: http://www.pepetemprano.es/

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.