AVV Francisco Rodríguez Otero. A urbanización das Percebeiras: o proxecto que non precisamos

Na mañá de hoxe, luns 28 de setembro, a AVV Francisco Rodríguez Otero vén de explicar ante os medios de comunicación asistentes os motivos das súas alegacións ao DAE (Documento Ambiental Estratéxico) referente ao Plan Especial Labañou – PE M18. No transcurso do acto, os representantes da asociación veciñal tamén fixeron referencia á proposta de moción relativa a este proxecto urbanístico, que foi enviada aos distintos Grupos Municipais e que será debatida no Pleno do Concello o próximo xoves día 1 de outubro. As alegacións poden ser condensadas nestes tres grandes apartados:
1. A evolución demográfica prevista para a cidade, que ademais conta con 20.000 vivendas baleiras, non xustifica este desenvolvemento urbanístico
As previsións de crecemento da Coruña segundo o PXOM/2013 (+65.000 habitantes a 12 anos vista), o plan do que deriva este proxecto de urbanización, non se corresponden coa realidade da evolución demográfica da cidade. De feito, transcorrida a metade do período para as optimistas proxeccións do PXOM/2013, podemos comprobar como a poboación da Coruña está claramente estancada arredor das 245.000 persoas, cun lixeiro descenso de 212 habitantes entre os censos de 2013 e 2019. As previsións demográficas oficiais para a sub-área comarcal da Coruña si se corresponden con esta dinámica, incidindo nunha situación de estancamento para o período 2020-2033.
O DAE alude á necesidade de incrementar a vivenda protexida na cidade, unha consideración que apoiamos desde a AVV Francisco Rodríguez Otero. Porén, tendo en conta a existencia de 19.285 vivendas baleiras segundo o último censo publicado (14’25% do total), a rehabilitación, rexeneración e renovación urbanas deben ser os obxectivos prioritarios das políticas do solo e da vivenda do Concello da Coruña.

2. O plan contradí as estratexias de sustentabilidade e de loita contra o cambio climático. A Coruña precisa zonas verdes e espazos libres públicos
A Coruña conta con 10,31 m² de área verde por habitante, o que a coloca lonxe dos valores aconsellados pola OMS (15-20 m²) e por baixo do cociente recomendado pola UE (15 m²), unha situación que se puxo especialmente de manifesto no transcurso da pandemia provocada pola COVID-19. Alcanzar eses 15 m² de área verde por habitante non só colocaría a cidade nos estándares internacionais, senón que significaría o cumprimento do obxectivo marcado na Estratexia contra o Cambio Climático da Coruña 2014-2020.
Esta necesidade inclúese tamén na Estratexia Infraestrutura Verde,  onde se destaca a importancia de espazos de transición como As Percebeiras, “que permiten a ampliación da infraestrutura verde e cuxa vocación é converterse no ecotono entre a zona natural e a cidade máis compacta” (p. 89 da EIV).
O DAE non toma en consideración ou directamente omite estes documentos e estratexias aprobados ou en trámite de aprobación polo Concello da Coruña. Tampouco ten en conta os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) recollidos na Axenda 2030 da ONU, entre os que se inclúe o obxectivo xeral de urbanización inclusiva e sostible. Sobre este particular, o Concello da Coruña ten asinados os protocolos de actuación respecto da implantación xeral dos ODS, así como un plan de acción da Axenda Urbana, o que confirma o compromiso da corporación municipal respecto da cuestión.
Ademais, a memoria do DAE é incompleta e insuficiente en relación coa avaliación ecolóxica da flora e da fauna presentes nas Percebeiras. Trátase dun espazo de especial valor pola súa riqueza botánica, con rexistro dunhas 40 especies de flora vascular, e ornitolóxica, con até 35 especies de aves avistadas no período 2012-2020, moitas delas ameazadas en distinto grao e que non se encontran citadas no DAE
3. O proxecto infrinxe normas de aplicación directa e obvia cuestións referentes á mobilidade
A ordenación proposta, en canto a ocupación en superficie e disposición en altura, supón unha manifesta infracción das normas de aplicación directa de protección da paisaxe, das vistas e de adaptación ao entorno. Falamos aquí das normas previstas na lexislación urbanística xeral (art. 91 da Lei 2/2016, do solo de Galiza e art. 20.2 do RDL 7/2015, de texto refundido da lei do solo) na de ordenación territorial (determinación 6.10 do Decreto 19/2011 de Directrices de Ordenación do Territorio e arts. 60–61 do Decreto 20/2011, de Plan de Ordenación do Litoral, POL), que prevalecen sobre o planeamento.
A ordenación prevista incumpliría o PXOM, dado que as vistas da Torre desde a Avenida de Labañou so se garanten durante 24 metros, cando o PXOM obriga a que ditas vistas sexan durante todo o tramo dese viario.
A execución das edificacións conformaría unha barreira respecto da contorna inmediata das vivendas do Grupo María Pita, con grave afectación non só sobre as vistas senón tamén sobre as súas condicións de asollamento, que nin sequera son obxecto de estudo no DAE.
Por outro lado, os apartados do DAE referidos á mobilidade son claramente insuficientes, xa que non teñen en conta o impacto do incremento do tráfico e dos niveis de ruído que suporía a construción das 371 vivendas previstas e das superficies comerciais, especialmente na Avenida de Labañou e no Paseo Marítimo, así como a afectación sobre as liñas de transporte público. Amais, a maior parte das prazas públicas de aparcadoiro sitúanse no subsolo, baixo viario, sin que se precise o seu réxime económico.
O bordo litoral e a fachada marítima da Coruña son elementos esenciais para a identidade da cidade e tamén para a súa ordenación territorial. Hoxe tócalle ás Percebeiras, pero hai moitos outros espazos sensibles e merecentes de protección en toda a contorna, desde as Xubias até a Torre, pasando pola Maestranza ou a zona do Porto, sen esquecer a área do Portiño. En todos eles debe apostarse por ordenacións nas que prevaleza o interese xeral e público fronte a este tipo de proxectos, tan obsoletos como contrarios ao que a cidade, o seu territorio e a súa xente precisan.
Por todo o anteriormente exposto, a asociación veciñal discrepa do contido do Plan en tramitación e das previsións de ordenación para os terreos do propio PXOM/2013, que debería ser modificado puntualmente co obxectivo de recualificación dos mesmos con destino a sistema dotacional público para zonas verdes e espazos libres. Esta modificación puntual do planeamento corresponde co interese público xeral e axústase tamén aos principios e obxectivos dunha ordenación respectuosa cos obxectivos de preservación e protección da paisaxe litoral, de adaptación do entorno, de sostibilidade medioambiental e de ordenación territorial do crecemento urbano, así como de loita contra do cambio climático en concordancia cos ODS. O que Labañou e A Coruña demandan e precisan.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.