A Real Academia Galega seguirá facendo homenaxes a Ricardo Carballo Calero ao longo do mes de outubro

A sede da institución acollerá os xoves 8, 15, 22 e 29 de outubro o simposio dedicado ao protagonista do Día das Letras Galegas. Especialistas de distintos eidos abordarán o contexto social e histórico da súa xeración, a súa obra literaria, a súa dimensión como crítico da literatura e as súas ideas sobre a lingua

Segundo o acordado por unanimidade na sesión plenaria do pasado 3 de xullo a Real Academia Galega fai públicas as actividades previstas para o inmediato mes de outubro arredor da figura de Ricardo Carballo Calero, a quen este ano a institución dedica o Día da Letras Galegas. A programación arrincará o vindeiro xoves 8 de outubro coa sesión inaugural do Simposio Carballo Calero, que continuará os días 15, 22 e 29. A programación especial culminará o sábado 31 de outubro coa celebración do acto académico do Día das Letras Galegas, que terá lugar no teatro Jofre de Ferrol, cidade natal do homenaxeado, xusto un día despois do seu 120 aniversario.

 

Os actos abordarán distintas facetas da obra do escritor, profesor, crítico literario e lingüista, atendendo a diferentes ópticas e posicións. Dadas as actuais circunstancias e perante a posibilidade de ter que acoutar a presenza de asistentes, a RAG emitirá en directo a través da súa canle de Youtube todas as intervencións e os debates, procurando achegarse, ademais, a todas aquelas persoas ou institucións relacionadas coa cultura galega activas no mundo: centros galegos, cátedras de lingua e literatura galegas nas universidades, institucións da lusofonía e o hispanismo, academias, asociacións culturais etc., para o cal distribuirá información en todas elas e acepta toda clase de suxestións para lograr a maior difusión posible das actividades.

 

Esta nova iniciativa da RAG, apoiada nas tecnoloxías da comunicación, coincide cos traballos que se veñen realizando de cara á potenciación da web da institución e os recursos dixitais da Academia. Nos últimos catro meses triplicáronse as consultas e demandas na Rede para todo tipo de cuestións: lexicografía, onomástica e toponimia, actividades culturais arredor de Carballo Calero, demanda de publicacións, consultas a arquivo e biblioteca etc.

 

“A RAG considera a lingua e a cultura galega unha lingua e unha cultura asentadas no século XXI, consonte a propia realidade do país. A figura de Ricardo Carballo Calero permitirá potenciar estes debates, mais inauguramos tamén un novo xeito de comunicación co mundo que faremos extensivo ás futura celebracións do Día das Letras e ás actividades da institución”, salienta o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes. “Alén das actividades presenciais, que seguiremos mantendo, entendemos que os novos tempos permiten novas formas de comunicación que debemos potenciar. As actividades arredor da figura de Ricardo Carballo Calero, malia as circunstancias adversas que estamos a vivir, inauguran unha nova xeira”, engade.

 

Catro sesións dos estudos literarios á lingua

O Simposio Carballo Calero desenvolverase en horario de tarde no salón de actos da Real Academia Galega (rúa Tabernas, 11 – A Coruña). A sesión inaugural, moderada polo académico Ramón Villares, ofrecerá un percorrido pola vida do homenaxeado a cargo do historiador Justo Beramendi e os filólogos Carmen Blanco e José-Martinho Montero Santalha. Os estudos literarios, a obra de creación e a súa visión da lingua centrarán, respectivamente, as seguintes tres sesións, que se desenvolverán os xoves 15, 22 e 29 de outubro e que contarán con achegas de María Pilar García Negro, Dolores Vilavedra, Henrique Rabuñal, Pilar Pallarés, Rosario Álvarez, Laura Tato e Eduardo Maragoto, entre outras voces expertas.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.