A Universidade da Coruña inicia este luns o novo curso 2020/2021

A Universidade da Coruña inicia o vindeiro luns, 21 de setembro, de forma oficial o curso 2020/2021 con protocolos de acceso que están estipulados desde xullo e sometidos a revisión este mes para adaptalos, se é preciso, ás condicións sanitarias do momento

Segundo destacou esta mañá o reitor, Julio Abalde, “estamos nunha situación de incerteza sanitaria á que temos que reaccionar desde a institución para manter a docencia nunhas condicións adecuadas”.

Abalde anticipou que “aínda que estes cambios serán reversibles en canto mellore a situación, o que é certo é que ao longo deste curso que comeza teremos que tomar decisións moi rápidas, en ocasións drásticas, segundo as condicións de cada momento para garantir a docencia e a seguridade sanitaria”.

O reitor considera que a Universidade da Coruña ten que garantir a presencialidade da docencia de forma equilibrada co uso das ferramentas telemáticas. Avanzou ademais que este curso a UDC efectuará un plan de cesión de equipos telemáticos para o estudantado que non dispoña deles, ademais de dotar de tarxetas de conexión a aquel alumnado que o precise e de habilitar espazos wifi seguros nos centros.

Un total de 16.000 estudantes de grao e máster comezan as clases este luns, dun total de preto de 19.000 persoas que conforman a comunidade universitaria (alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos). Aínda que os prazos de matrícula están abertos ata finais de outubro, os datos provisorios de matrícula amosan un importante crecemento de novo alumnado que en grao supera xa en máis de 300 estudantes a cifra de primeiro do curso pasado. A boa acollida do alumnado avala o éxito das novas titulacións postas en marcha pola Universidade da Coruña nestes últimos anos, ás que se suma este curso as novidades do Grao en Nanociencia e Nanotecnoloxía, así como a recuperación do título de Grao en Turismo, que pasa a ter desde este curso prezo oficial e, polo tanto, reducido con respecto a outros anos.

A nova proposta do Grao en Nanociencia e Nanotecnoloxía segue a liña iniciada hai varios cursos coa implantación de títulos novidosos, con gran expectativa tanto por parte do interese do alumnado como por parte do sector laboral, e únicos en moitos aspectos. Así no curso pasado implantáronse os graos en Ciencia e Enxeñaría de Datos; Creación Dixital, Animación e Videoxogos; Xestión Dixital da Información e Documentación e a opción Dual do Grao en Enxeñaría Eléctrica, primeiro dual de Galicia. No curso 2018/2019 comezaron o Grao en Paisaxe, interuniversitario coa USC, primeiro destas características no sistema universitario galego; e o Grao en Xestión Industrial da Moda, primeiro multilingüe en inglés de Galicia.

Outras das novidades académicas deste curso son a implantación dos graos abertos en Ciencias Sociais e Xurídicas, no Campus da Coruña, e o de Enxeñaría Industrial, no Campus de Ferrol, ademais de novos másteres: Máster Universitario en Dirección, Xestión e Innovación de Institucións Escolares; Máster Universitario en Dereito Dixital e da Intelixencia Artificial; Máster Universitario en Informática Industrial e Robótica e o Máster Universitario en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade, estes dous últimos impartidos no Campus de Ferrol.

A Universidade da Coruña recolle nunha única web os plans de prevención e hixiene dos distintos centros: https://www.udc.gal/gl/covid-19/medidas-inicio-curso/. Nesta páxina ademais de información dos protocolos das facultades e escolas tamén inclúe os plans dos centros de investigación, doutros centros, das residencias universitarias e das bibliotecas, que se irán actualizando segundo sexa necesario. Ademais, a UDC habilitou un teléfono de específico de atención ao estudante: 881 01 1111.

Onte comezou así mesmo, un plan de formación en liña con distintos eventos destinados a que o alumnado e o profesorado mellore as súas competencias nas ferramentas dixitais da Universidade da Coruña para a teleformación e teletraballo, que pode verse completo en: https://www.udc.gal/gl/covid-19/eventos-formativos/

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.