Aberto ata o 28 de setembro o prazo para matricularse no programa ‘Voluntariado fronte á COVID-19’

A USC a través do Servizo de Participación e Integración Universitaria (SEPIU) acaba de impulsar o programa ‘Voluntariado fronte á COVID-19’. Esta iniciativa quere promover unha serie de medidas e actuacións que favorezan a maior sensibilización da comunidade universitaria de cara ao cumprimento dos protocolos de protección fronte á pandemia. O prazo para matricularse no programa remata o 28 de setembro. Cada alumno participante será recoñecido con dous créditos optativos ECTS por cuadrimestre.

“Para favorecer a maior e continuada sensibilización da nosa comunidade e promover o cumprimento de medidas de hixiene e comportamentos sociais axeitados, tratarase de promover a participación do alumnado de todas as facultades e escolas, así como das residencias e colexios maiores, nun proxecto integral que implique unha máis intensa formación e sensibilización sobre os comportamentos considerados axeitados para as relacións”, explican dende o Servizo.

Actividades a desenvolver

O alumnado participante deberá, cando menos, dedicar unha hora ao día a actividades do programa, para contribuír a unha estancia segura, tanto nas aulas como no resto das instalacións do centro e actividades da vida diaria.

Esta é unha proposta da USC para promover a maior sensibilización da comunidade universitaria de cara ao cumprimento dos protocolos de protección fronte á pandemia

As actividades ofertadas consisten en atender a demanda de información dos compañeiros e compañeiras sobre as diferentes novidades en torno á COVID-19 e as actuacións da USC; notificar ao coordinador/a do programa do centro calquera incidencia que puidera haber en relación cos contidos e actividades propias do programa; sensibilizar á comunidade sobre aspectos básicos como: uso da máscara, a hixiene ou a distancia física; así como calquera outra de interese atendendo ás recomendacións das autoridades sanitarias e da saúde.

A intención é manter de forma activa e de darlle visibilidade ás actuacións que a USC considera de importancia para favorecer a non aparición de gromos e, de ser o caso, cal é a vía máis axeitada para o seu rastrexo e control.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.