Afondando nunha docencia con perspectiva de xénero

Proporcionar material didáctico ao profesorado universitario, co fin de favorecer, facilitar e promover a inclusión da perspectiva de xénero nas materias que se imparten na educación superior galega é o obxectivo que persegue a colección ‘Guías para unha docencia universitaria con perspectiva de xénero’, publicada conxuntamente polas tres universidades públicas de Galicia. Introducir este tipo de materiais na docencia universitaria permite “crear o espírito crítico necesario para loitar sen cuartel contra calquera tipo de discriminación en materia de xénero”, explicou este xoves o reitor Antonio López na xornada en liña que serviu para presentar estes recursos didácticos.

O reitor durante a súa intervención na xornada. FOTO: Santi Alvite
O reitor durante a súa intervención na xornada. FOTO: Santi Alvite

USC, UDC e UVigo publican a versión en galego de once guías didácticas con exemplos de boas prácticas para avanzar na igualdade entre homes e mulleres

Xunto ao reitor Antonio López, os reitores da UDC e da UVigo, Julio Abalde e Manuel Joaquín Reigosa, respectivamente, tamén participaron no acto. O profesor da UVigo Iván Area, en representación da Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación (ANECA); José Eduardo López, director da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia  (ACSUG); así como a secretaria xeral da Igualdade da Xunta de Galicia por delegación, Natalia Prieto, tamén interviñeron na inauguración da xornada.

Boas prácticas

‘Guías para unha docencia universitaria con perspectiva de xénero’ é unha colección de once guías temáticas promovida e editada orixinalmente en catalán pola Xarxa Vives d’Universitats e trasladada á lingua galega, no marco das iniciativas financiadas con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e desenvolvidas polas oficinas de igualdade do Sistema Universitario Galego. Esta iniciativa ofrece propostas, exemplos de boas prácticas, recursos docentes e ferramentas de consulta para unha docencia universitaria sen nesgos de xénero en diferentes disciplinas e ámbitos de coñecemento. Deste xeito, as guías abranguen as ciencias da computación, o dereito e a criminoloxía, a educación e a pedagoxía, a filoloxía e a lingüística, a filosofía, a física, a historia, a historia da arte; medicina; psicoloxía e socioloxía, así como a economía e a ciencia política.

Relatorios

No transcurso da xornada de presentación, Tània Verge Mestre da Universidade Pompeu Fabra desenvolveu o relatorio ‘Cara unha docencia universitaria máis inclusiva e de calidade incluíndo unha perspectiva de xénero’. A perspectiva de xénero nas materias de física foi o tema abordado pola profesora da USC Encina Calvo Iglesias. Finalmente, Esperanza Bosch Fiol da Universidade das Illas Baleares presentou a guía correspondente ao eido da psicoloxía. A xornada rematou cun coloquio moderado por Leonor Parcero, presidenta da Asociación Galega de Comunicación Científica e coa intervención das representantes das oficinas de igualdade das tres universidades.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.