CCOO. A xerenta da área sanitaria Santiago-Barbanza pon en risco a saúde do persoal e da poboación no Hospital Clínico

 A Federación de Sanidade de CCOO denuncia que a xerenta da área sanitaria Santiago-Barbanza pon en risco a saúde do persoal e do resto da poboación no Hospital Clínico compostelán. Desde o pasado venres, 11 de setembro, a cuarta planta do complexo é, ao mesmo tempo, zona COVID e non COVID, delimitadas ambas por un biombo e unha toalla con lixivia no chan.

Desde CCOO entenden que é unha decisión da xerenta, Eloína Núñez Masid, xa que a situación persiste tras case unha semana. Isto, malia que a medida é contraria tanto ao Plan de prevención de riscos da área sanitaria, como ao Plan de reactivación de asistencia hospitalaria que elaborou o Sergas.

O Plan de prevención de riscos indica que deben formarse grupos de traballadores e traballadoras para evitar a rotación deste persoal entre unidades COVID e non COVID. Porén, isto estase a incumprir na cuarta planta do hospital, en Cirurxía Xeral e Dixestiva, pois un día atenden doentes que deron positivo e ao día seguinte os que deron negativo nas probas.

Incúmprese tamén o disposto no Plan de reactivación, que recolle a obrigatoriedade de manter áreas diferenciadas para doentes COVID e non COVID. «A colocación dun elemento móbil, como un biombo, non diferencia unha área da outra», reprocha CCOO-Sanidade.

Para CCOO resulta «insólito» e «unha clara irresponsabilidade» que a Xerencia incumpra os seus propios protocolos, así como as directrices do Sergas, e expoña o persoal e o conxunto da poboación a un «risco innecesario e evitable», amais de converter as traballadoras e traballadores «en posibles vectores de contaxio para pacientes sen COVID-19».

Aumentaron as ‘ratios’

Por outra parte, o sindicato tamén critica que a xerenta permita que as ratios de pacientes COVID por persoal de enfermaría sexan maiores agora ca nos meses de marzo, abril e maio. CCOO non atopa xustificación, xa que non houbo ningún cambio de protocolo que sustente unha situación deste tipo.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.