Elegant estrean o seu novo single “No hay miradas sobre ti”
Elegant dan un paso adiante no seu novo single “No hay miradas sobre ti”, unha homenaxe á vaidade, un dos trazos que abordan no seu primeiro traballo
A banda ferrolá Elegant decidiu neste ano tan atípico deixar atrás todo o coñecido para abrazar un cambio no seu estilo moito máis brutal e impactante, achegándose por momentos ás grandes bandas de rock alternativo do noso país. Cínico e contundente, “No hay miradas sobre ti”, o primeiro adianto, confírmaos como un grupo cunha personalidade irresistible.
En pouco máis de tres minutos conseguen poñer nos nosos oídos a vaidade, un dos trazos que abordan no seu primeiro álbum que verá a luz o próximo ano. A vaidade en moitas ocasións vai implícita coa mocidade. Neste caso, o pensamento egocéntrico, a estética por encima do humano e como o paso do tempo acaba de forma inexorable con este tipo de actitudes.
A variedade instrumental e de ritmos neste tema serven para representar precisamente o polifacética que pode chegar a ser a vaidade e intégrase cunha letra na que arriscan ao non criticar a vaidade senón máis ben a describila. E é que, non pecamos todos algunha vez dela?
Biografía
Elegant é unha banda de Ferrol que aproveitaron este ano para dar un cambio a todo o concepto anteriormente coñecido, incorporando un novo músico ao teclado, cambiando a imaxe, máis sinxela, máis limpa, reflectindo a personalidade do grupo e evolucionando no seu son sen perder o ADN da banda.
En definitiva, dan unha volta, profesionalizando o proxecto para tentar facerse un oco no panorama musical, a pesar da situación tan difícil que estamos a vivir. “No hay miradas sobre ti” é o primeiro single do que será o seu primeiro LP que verá a luz en abril de 2021.
Elegant son Rodrigo Poveda, baixo e voz, Carlos Bacelo, guitarra, Christian Figueroa, batería e Fernán Permuy, teclado.